Magosto e Imposición de panos – 11 novembro 2023

O 11 de novembro de 2023, Saltimbanquis, Andaina e ADS acordaron celebrar o Magosto en Abertal, xa que podían acubillarse se chovía. Coma outros sábados ás 11,00 h. os animadores e animadoras abriron as portas do patio, pero de xeito especial a mañá alongaríase ata as cinco da tarde.

Logo dunha acollida divertida, con todo o patio para os nenos e nenas de Alternativa Vaivén, os maiores poñíanse en folga ata que todo o mundo xogara con eles. Con moita rima e “guasa” cantaron para chamar a atención dos máis pequenos, e unha vez chegado a un acordo dispuxéronse a xogar. Un clásico “nenos/as vs animadores/as” fixo que o pasaran xenial.

Pero a mañá non remataba aí, as familias achegáronse ao final da mañás para participar na Imposición de Panos, animando aos seus fillos e fillas a “medrar como Saltimbanquis, Andaina ou ADS ao estilo de Xesús”. Coa emoción no corpo de ter entregado máis de 30 panos novos, apareceu a fame, e co arrecendo a chourizos e castañas comezamos a xantar.

Os animadores, animadoras, coa colaboración das familias, prepararon uns saborosos choripáns, e para a sobremesa: castañas e música. De maneira especial deixamos entrar a pais e nais na sala de xogos e xurdiu a maxia: xogaron e bailaron coma nenos e nenas. De fondo se escoitaban algunhas conversas, ao redor duns cafés, asegurando que xa entendían por que os seus fillos e fillas lles gustaba tanto estar en Abertal.

Para ver algunhas imaxes da xornada, pincha aquí e para ver o video resumo pincha aquí.

Inauguración Xuvenil e Infantil – 6 e 7 outubro 2023

Todos os grupos de tempo libre do Itinerario de Educación na Fe iniciaron o curso con 3 grandes actividades para persoas mozas de todas as idades. Os eventos, que se celebraron a pasada fin de semana, venres 6 e sábado 7 de outubro, nas instalacións da rúa Venezuela e no patio do colexio salesiano María Auxiliadora de Vigo, contaron cunha variada programación de actividades, entre as que se atopaban xogos, obradoiros, música e baile.

A primeira actividade comezou o venres ás 16:00 h coa presentación do lema “Un soño para ti” para os grupos xuvenís e de adolescentes. Xa na noitiña, houbo tempo para a festa de temática veraniega, con mojitos sen alcol, xogos, música e algo de comer. O sábado, os animadores e animadoras abriron as portas do patio de 11:00 h a 13:00 h para os rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS. Prepararon con agarimo unha gran feira de xogos con globoflexia, pintacaras, pixlas, obradoiros, xogos tradicionais, cancións de animación e moito máis.

Todas estas actividades contaron coa asistencia de preto de 200 nenos, nenas, mozos e mozas que gozaron dunha fin de semana de diversión e convivencia.

Comezamos o curso 23-24 con moita ilusión e soñando cun tempo libre transformador para todas as persoas mozas da cidade. Algunhas imaxes que dan fe delo as podes atopar na nosa galería, pinchando aquí.

Abertal recibe a 250 nenos e nenas durante as “Mañás de Verán” e as “Mañás de Setembro”

Un ano máis, a Asociación Xuvenil Abertal e abriu as súas portas aos/ás pequenos/as da casa nas ¨XVI Mañás de Verán¨ e nas “X Mañás de Setembro”. Trátase de dous campamentos de conciliación abertos á cidade, destinados para nenos e nenas dende 4º de infantil ata 2º da E.S.O., que se levan a cabo nos meses de xuño e xullo e na última semana de vacacións escolares de verán, antes de comezar o novo curso.

Esta ano, foi a dezaseisava e décima edición respectivamente, os cales leváronse a cabo do 26 de xuño ao 28 de xullo e do día 1 ao 8 de setembro, de luns a venres en horario de mañá, no que, en total, chegaron a desfrutar 250 nenos e nenas. Deste xeito, as familias puideron conciliar a súa vida laboral e familiar.

As actividades daban comezo ás 08:45 h, e remataban ás 13:30 h, aínda que tamén se ofreceron os servizos de Madrugadores e Friameira.

Nenos/as e animadores/as xuntáronse cada mañá para desfrutar das diferentes actividades propostas. Nas ¨Mañás de verán¨ gozaron de actividades variadas como xogos de auga, excursións, días de praia, diferentes obradoiros, deportes, entre outras. Nas ¨Mañás de setembro¨, cabe destacar que na primeira parte da mañá, os/as participantes puideron escoller entre diferentes actividades como entrenamento de fútbol ou baloncesto, grazas a colaboración de ambos clubs, ou a actividade proposta por Abertal na que que se fixeron diferentes obradoiros como cociña, arxila, pulseiras e ata unha visita a comisaría da Policía Local de Vigo. Xa na segunda parte da mañá, todos/as xuntos/as puideron gozar de diferentes actividades como excursións ao visor submarino Nautilus, ao Centro Arqueolóxico Salinae, ao Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, visita interxeracional dun grupo de persoas de Atendo, así como diferentes xogos e obradoiros que se levaron a cabo tanto no exterior como nas propias instalacións.

Pola gran acollida que están tendo as ¨Mañás de¨,  nas que ano tras ano vese como vai aumentado o número de participantes, queremos que Abertal siga sendo un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentando a creatividade, o compañeirismo e o traballo en equipo, rir … de todo menos aburrirse.

Seguinte parada, Mañás de Nadal! Vémonos na vindeira cita, para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo!

XXXV Campamento Urbano, vivir Vigo en agosto

O Centro Xuvenil Abertal non para nin no mes de agosto. De feito, do 31 de xullo ao 11 de agosto organizou unha das actividades con máis tradición, o Campamento Urbano, que neste 2023 chegou á súa edición número 35. Unha vez máis cumpriu o seu obxectivo de ser unha proposta aberta á cidade, totalmente libre e cento por cento gratuíto.

Así, durante dúas semanas participaron, como verdadeiros protagonistas, un bo número de rapaces e rapazas organizados en grupos por idades de 7 a 15 anos e acompañados por un nutrido grupo de voluntariado cheo de ilusión. Pero os de Vigo non foron os únicos en contar co seu Campamento Urbano. Así quedou demostrado na Xuntanza de Campamentos Urbanos de Galicia, que se celebrou na praia de Samil o 3 de agosto, reunindo a máis de mil participantes nos campamentos urbanos da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia. Xogos de auga, obradoiros, actividades en diferentes barrios da cidade, unha excursión a Cangas… completaron esta experiencia única de verán. Unha proposta que se consolida e que atendeu á conciliación familiar, ampliando o horario habitual de actividades para quen o precisaba.

Campamento Urbano con 35 anos de historia

Parecen poucos, pero xa son unha chea de anos facendo realidade esta proposta de tempo libre educativo, sen renunciar ás orixes. Un campamento urbano libre, gratuíto e aberto. Un campamento na cidade como recurso de lecer, no que os rapaces e rapazas sexan os verdadeiros protagonistas.

Por segundo ano consecutivo, volvemos organizar o campamento nas instalación do colexio salesiano Mª Auxiliadora, do 31 de xullo ao 11 de agosto, e contaremos cun nutrido grupo de voluntariado, que contaxiarán de ilusión as actividades deste verán.

A inscrición estará aberta, mesmo durante o desenvolvemento do propio campamanento, para rapaces e rapazas de 7 a 15 anos.

As actividades serán variadas: paseos polos barrios da cidade, xogos de auga, obradoiros, viaxe en barco pola ría, xogos en grupo, actividades na natureza, praia e xuntanza cos outros campamentos urbanos da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Todo en marcha para esta nova edición, que tamén atenderá as necesidades de conciliación das familias, con servizos de Madrugadores e Friameira, e que pretende ser unha oportunidade para rapaces e rapazas que non poden participar noutros campamentos este verán.

Xuntanza Saltimbanquis, Andaina e ADS – 6 maio 2023

Os grupos de Saltimbanquis, Andaina e ADS de toda Galicia reuníronse a pasada fin de semana para celebrar a súa Xuntanza. Ano a ano, preto da festividade de Domingo Savio (6 de maio), os grupos infantís do Itinerario de Educación na Fe, reservan unha xornada festiva na que encontrarse antes dos campamentos, coñecendo novos animadores e animadoras doutros centros xuvenís e facendo novas amizades de diferentes cidades.

Tal era a emoción do día que chegaron máis cedo do que agardado, así que lle deron a benvida a todos os centros xuvenís no patio do cole salesiano da Coruña. Preparados e preparadas para gozar dun día enchido de diversión, xogo e bo ambiente, aproveitaron tamén para facer toda a festa posible xa que se celebraban os 30 anos de Abeiro! Parabéns compañeiras!

ADS empeñouse a fondo en descubrir a cidade da Coruña coa excusa de “Recalcular a ruta”. Unha morea de xogos polas diferentes prazas emblemáticas e momentos de convivencia se convertiron na excusa perfecta para estar cos amigos e amigas ADS.

Andaina pasou unha xornada inesquecible no Andaina’s Film Festival; actividades lúdicas polo paseo da praia de Orzán, nas que descubrir os entramados dunha boa película, nos que os e as protagonistas eran indiscutibles.

Saltimbanquis celebrou a Olimpíada de Heracles, incluso coa participación de galos e romanos, unha temática que nos presenta Pablo como amante dos deportes. Pero non vos pensedes, o verdadeiro protagonista foi o compañeirismo xurdido entre diferentes grupos para poder superar os obstáculos que se lles foron propoñendo.

Voltaron ledos a Vigo con ganas de compartir o vivido, e unha mostra delo son estas imaxes.

Se queres seguir lendo, no Boletín Salesiano podes enterarte de máis cousas.

60 nenos e nenas gozaron das Mañás de Semana Santa

Un ano máis, Abertal organizou as XI Mañás de Semana Santa, campamento de conciliación, neste período de vacacións escolares, e aberto á cidade, para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Nesta edición participaron en torno a 60 nenos e nenas, que gozaron das súas vacacións de Semana Santa en Abertal.

As actividades daban comezo ás 08:45 h, e remataban ás 13:30 h, aínda que tamén se ofreceron os servizos de Madrugadores e Friameira.

O luns 3 de abril comezamos cunha xornada de xogos de presentación, onde os rapaces e as rapazas de cada grupo puideron coñecerse un pouquiño, xa que ían compartir tempo de xogo durante todo o campamento. Na segunda parte da mañá, para dar a benvida á primavera, fixemos unha sesión de relaxación, e tamén houbo ocasión para aprender a plantar nunhas macetiñas; primeiro as decoraron ao seu gusto e despois plantaron cebolas, amapolas e xirasoles.

O martes 4 de abril comezou cunha saída ao Castro, na procura de elementos da natureza que, unha vez localizados, foron devoltos a ela. Na segunda parte da mañá, despois da relaxación, os rapaces e rapazas participaron nun circuíto no que puxeron a proba a súa puntería.

Comezamos o 5 de abril cunha xincana, a través dun circuíto, superando unha serie de obstáculos. Despois tocou merendar, tempo de relaxación e sesión de cociña; puxémonos mans á obra cos ósos de santo.

Á volta dos festivos, o luns 10 de abril, volvemos ao Castro, pasando a mañá alí, xogando e merendando. A segunda parte da xornada, xa en Abertal, realizamos a última actividade do campamento, na procura dos ovos de Pascua polas instalacións do patio do colexio Salesianos.

Seguinte parada, Mañás de Verán!

Vémonos na vindeira cita, para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo!

Vigo Inclusivo: Campamento Semana Santa

A Asociación Centro Xuvenil Abertal vén de asinar un convenio coa Concellería de Política de Benestar Social do Concello de Vigo, no marco do programa municipal Vigo Inclusivo, dirixido a persoas con discapacidade do Concello de Vigo.

Este ano, por vez primeira, levouse a cabo un campamento en período non lectivo de Semana Santa, no que un bo grupo de persoas puido gozar dunha diversidade de actividades lúdicas e de lecer.

As actividades desenvolvéronse no entorno da praia de Samil, aproveitando as instalacións municipais do Museo Verbum, e gozando do bo tempo que acompañou esta Semana Santa.

Dentro do programa municipal de actividades propostas para estes días, unha das máis significativas foi a participación nos obradoiros de Inmersia, un centro de ocio e realidade virtual, onde os nosos mozos e mozas accederon a simuladores de xogos variados, de condución de coches de carreiras ou mesmo dunha montaña rusa!

Este programa municipal Vigo Inclusivo ten previsto ofrecer novas actividades de tempo libre nos meses de verán e na época de Nadal, proporcionando tamén un merecido descanso ás familias e coidadores/as das persoas participantes.

OperaciónQuilo 2022

O Centro Xuvenil Abertal sumouse ao Nadal Solidario da Obra salesiana de María Auxiliadora de Vigo. Recollida de alimentos específica do mes de decembro para contribuir con Cáritas parroquial e encher a cesta de alimentos, tamén con produtos de Nadal.

O pasado 2 de decembro comezaba a andar a campaña de recollida de alimentos co torneo de baloncesto solidario, unha semana máis tarde, os grupos de Iniciación e Catecumenado facían o buzoneo para que toda a veciñanza estivera informada, e promover a colaboración devarias entidades e establecementos do barrio. O Centro Xuvenil Abertal, entidade socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, promove esta actividade desde os anos oitenta (“Operación Trigo”), pero este ano máis ca nunca xa que víronse incrementadas as peticións achegando alimentos a 221 persoas.
Un bo equipo de voluntarios e voluntarias seguiron de preto a recollida de alimentos  e agradeceron sobre todo a achega de produtos e doces típicos do Nadal, que permitiron entregar ás familias do barrio un paquete tan especial como especiais son estas datas.
Tentamos visibilizar tanto as necesidades como a solidariedade nas distancias máis curtas, tamén neste barrio do centro da cidade.

A xornada de recollida, clasificación e transporte rematou coa Oración Aberta e posterior chocolate e karaoke!

Moitas gracias ás 83 persoas que botaron unha man no Obradoiro de Solidariedade e a outras moitas que aportaron o seu graniño de area, facendo posible a organización e transporte dos 900 Kg destinados ás 71 familias que atende Cáritas todos os meses.

1 2 3 4 5 25