XII Mañás de Semana Santa

Non vai moito que estabamos celebrando o Entroido, e hoxe, 1 de Abril, despedimos as vacacións de Semana Santa. Abertal, por décimo segundo ano consecutivo, abriu as súas portas para facilitar a conciliación familiar e así poder xogar e facer novas amizades.

Nestas XII Mañás de Semana Santa Abertal acolleu a 36 rapaces e rapazas de 4º de Ed. Infantil a 6º de Ed. Primaria, os días 25, 26, 27 de marzo e 1 de Abril.

Foron uns días estupendos a pesar da choiva nos que aproveitaron para cociñar, pintar, facer experimentos, participar nun scaperoom, e unha morea de xogos máis. Pero o máis importante é que en grupo faise mellor!

Outras vacacións que xa tocan ao seu fin, pero sabendo que todos e todas levaron unha lembranza do ben que o pasaron estes días. Queremos que Abertal siga sendo un lugar para  rir, soñar, xogar, imaxinar e crear, de todo menos aburrirse, por iso nos poñemos xa a preparar as seguintes Mañás de… Verán!!
Agardámosvos!

Para ver unha escolma das fotos pincha aquí.

Pascua no Camiño 2024

Os días do 28 ao 31 de marzo, arredor de trinta persoas de diversas partes da Inspectoría Salesiana Santiago El Mayor, comezamos un camiño dende diferentes puntos de partida e cun mesmo destino: celebrar a Pascua. Transitamos a vía da prata ou ruta mozárabe, pasando por terras galegas como Lalín, Bandeira, Silleda, Vedra e Lestedo.

Sempre crimos que hai moitas formas de facer camiño. Machado falaba do camiñante que non ten unha ruta trazada, senón que constrúe o seu propio camiño ao andar; tamén na súa maneira poética cando nos expresa que “todo pasa e todo queda, pero que o noso é pasar facendo camiños, camiños sobre o mar”; e Melendi nas súas melodías, indicando con certo ímpete que a travesía pola vida é sempre “algo sen pausa, pero tamén sen présa”.

Quizais estas reflexións sexan algunhas das claves para entender a experiencia compartida por aqueles que participamos nestes días de Pascua. Pois se, como di Moncayo, camiñar é “entrelazar con cada paso outras vidas, outros versos, outro amor”, que mellor que facer unha pausa neste traxecto para reflexionar sobre as nosas necesidades, as nosas feridas, as nosas motivacións e incluso, sobre as pegadas que imos deixando á nosa beira. Así, a celebración do venres santo en Vedra, por exemplo, tamén nos levaba a reflexionar non só sobre as veces que as persoas son crucificadas, senón tamén sobre os momentos en que nós mesmos nos convertimos en crucificadores.

A vixilia pascual do sábado foi celebrada en comunidade xunto co movemento Scout en Figueiras. Deste xeito, persoas de diferentes movementos cristiáns pero cunha cercana sensibilidade, puidemos compartir un momento de celebración arredor da resurrección, invitados a transformarnos para construír un mundo máis humano e semellante ao estilo de Xesús.

O camiño que fixemos tamén partía de diferentes inspiracións, dende aquelas persoas que lles anima vivir un certo sentido da transcendencia e espiritualidade, ata aquelas que o viven como unha oportunidade para conectar co seu mundo interior. Porque se parafraseamos a Gloria Fuertes dicindo que “todo camiño que un emprende leva algo de soidade”, tamén vémonos obrigados a dicir que o camiño é sempre acompañado. A clave está en saber recoñecer por quen.

Poderíamos dicir que un dos tantos símbolos que acompañaron o noso camiño foi a mochila. O feito de cargar con ela faise ás veces cansado, pero fainos lembrar aquelas cousas que levamos con nós: momentos, persoas, experiencias, coñecementos, etc.

E por último, todo camiño cristián está impregnado de esperanza. Como canta Dani Martín, “o que está por vir será bonito, sempre e cando miremos adiante sen baixar a vista”. A choiva acompañounos durante gran parte das etapas, sen embargo, recórdanos Carlos Voces (SDB), que “por encima das nubes sempre hai sol”, só temos que atrevernos a mirar máis aló.

O Domingo de Pascua pretendeu ser para nós unha etapa continuadora do camiño, na que poder trasladar o vivido aos nosos días. De cando en vez, convén retomar aquel verso de Rafael Alberdi que di que “a estrada está aberta para ti, estradeiro”. Pois sigamos facendo camiño!

Ultreia et suseia.

Luis Carrera

Para ver as imaxes do Camiño pincha aquí.

Festexando a Xoán Bosco e os 45 anos de Abertal

Unha morea de actividades foron as que abriron á cidade de Vigo o soño de Xoán Bosco, e fose así coñecido por rapaces e rapazas alleas ao centro xuvenil.

Comezamos coa convocatoria do tradicional XIV Torneo de Xadrez gracias á colaboración da Asociación de Antigos Alumnos San Matías. Esta sigue a ser nunha oportunidade para que nenos e familias coñezan a asociación e aos seus membros, ao mesmo tempo que se pon en valor entre os máis pequenos esta actividade con bastantes adeptos na casa salesiana de Vigo.


Saíndo das nosas instalacións, e en conxunto con outros centros xuvenís de Galicia, os grupos xuvenís do Itinerario de Educación na Fe, celebraron o 20 de xaneiro en Compostela, que o soño de San Xoán Bosco sigue vivo, e que os seus soños teñen moito que ver cos do pequeno turinés. O artigo completo da Xuntanza Xuvenil o podedes ler aquí.

Dun xeito especial, a Oración Aberta do mes de xaneiro mudou de espazo: a sala de xogos de Abertal, centro neurálxico das nosas actividades, preparada nesta ocasión para a festa xuvenil de Don Bosco; e que mellor que comezar a festa celebrando xuntos e xuntas!

E para continuar, a festa xuvenil de Xoán Bosco reuniu a mozos e mozas de 15 a 20 anos que deixaron a vergoña nun segundo plano; todos e todas animáronse a participar nos xogos musicais que se foron propoñendo ao longo da celebración do 26 de xaneiro. A media noite apagarónse as luces e as velas do 45 aniversario de Abertal acendéronse, dando o pistoletazo de saída ás outras moitas celebracións que se irán sucedendo ao longo deste ano.

Ao final do mes de xaneiro, o IX Torneo Don Bosco Nocturno de Futsal enchía o patio salesiano de mozos e mozas, converténdose nunha alternativa de lecer nocturno, con un ambientazo fora do campo e deportividade dentro del. Notamos que nestas últimas edicións, convertiuse nunha actividade demandada pola mocidade que cada vez congrega a máis xente de toda a cidade.

E por último, gozamos da VII edición do Boscochef, unha actividade de cociña familiar na que colaboraron profesores do colexio salesiano María Auxiliadora, educadoras da Fundación Juan Soñador e un grupo de animadoras e animadores do centro xuvenil, acompañadas polo seu grupo de Ados 2. Gracias a todas estas sinerxias, unha morea de receitas ben saborosas e unha xeitosa tarde chuviosa de venres colleu un sabor a fogar, xusto o que quería Xoán Bosco para a súa familia salesiana, da que todos e todas formamos parte.

O Centro Xuvenil Abertal recibe a 30 nenos e nenas nas “Mañás de Entroido”

Un ano máis, o noso centro xuvenil abriu as súas portas aos máis cativos e cativas da casa, nas xa tradicionais “Mañás de Entroido”. Esta edición do campamento infantil, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, aberto á cidade, desenvolveuse en dúas únicas xornadas, coincidindo coas vacacións escolares de Entroido, xa que o martes 13 de febreiro foi festivo en Vigo.

Nesta nova edición de Entroido, e xa van doce!, 30 nenos e nenas gozaron da proposta de actividades de Abertal, e as súas familias puideron conciliar vida laboral e familiar.

As actividades desenvolvéronse en horario de 8:30 h. a 14:30 h. cunha oferta variada de obradoiros, como o de creación de máscaras ou cociña tradicional, e xogos, como a busca do Peliqueiro perdido, xogos de Entroido, xogos cooperativos…

Unha vez máis, Abertal quixo ser un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentar a creatividade, favorecer o compañeirismo e o traballo en equipo, rir… de todo menos de aburrirse.

Vémonos nas seguintes!

… As Mañás de Semana Santa!

Xuntanza Ados e Xuven (Compostela) – 20 xaneiro 2024

O camiño empeza en Compostela para os grupos de Adolescentes e Mozos de Galicia.

As casas salesianas galegas reúnense en Santiago nun encontro para compartir os soños máis ilusionantes.
Máis de 50 animadores e mozos reuníronse en Santiago de Compostela o pasado sábado, 20 de xaneiro, na tradicional Xuntanza dos grupos maiores do Itinerario de Educación na Fe das casas de Galicia. Neste encontro conviviron na cidade xacobea os grupos de Adolescentes e Mozos de Ourense, A Coruña, Cambados, Lugo e Vigo ao redor dos soños que nos fan camiñar. A xornada comezou cunha camiñada até o parque aberto na antigas dependencia do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval. Nesta contorna, os participantes, reunidos en diferentes grupos, puideron coñecerse mellor, compartir os seus soños a curto ou longo prazo, xogar xuntos, ou deixarse interpelar cos soños do propio Don Bosco e como estes poden iluminar o seu momento vital. Posteriormente, a convivencia trasladouse ao Centro Xuvenil Don Bosco onde, durante a comida, os participantes recibiron a vista do director do centro, José Luís Luena, e o seu coordinador, Xesús Vilas, a quen agradeceron a acollida. Tras repor forzas, a actividade trasladouse á catedral de Santiago, final da ruta compostelá, onde os mozos e mozas dos grupos de Adolescentes e Mozos descubriron lugares recónditos do casco antigo da cidade de forma lúdica a través dos grupos feitos para o encontro. Alí, coa catedral de fondo realizouse a foto do encontro e completouse o detalle que serviu de fío condutor desta xornada: un chaveiro que aúna unha nube que lembra o soño do nove anos de Don Bosco e unha frecha amarela coa conclusión da Xuntanza, o desexo de que “que o teu soño te faga camiñar”. E é que, din quen viviron a experiencia, o verdadeiro Camiño de Santiago comeza coa volta a casa. Para Primo Hernández, responsable da etapa de Adolescentes e Mozas do Centro Xuvenil Abertal de Vigo, “recuperar a Xuntanza que se interrompeu pola pandemia foi un reto, pero a satisfacción dos animadores e os participantes mereceu a pena”. “Unha vez roto o xeo, todos puxeron da súa parte para compartir o mellor de si cos demais”, destacou Hernández. Ademais, o encontro serviu de lanzamento para xerar algún grupo máis nalgunha das presenzas salesianas de Galicia.

Mateo González Alonso

Para ver as imaxes do encontro preme aquí.

Mañás de Nadal – 2023/2024

O Centro Xuvenil Abertal organizou actividades de conciliación familiar abertas a toda a cidade durante as vacacións escolares de Nadal.

Un ano máis, o Centro Xuvenil Abertal, socio fundador da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, organizou os días 26, 27, 28 e 29 de decembro e os días 2, 3, 4 e 5 de xaneiro as ¨ XIII Mañás de Nadal ¨. Trátase dun campamento destinado a nenos e nenas dende 4º de E. Infantil (3 anos) ata 6º de E. Primaria (12 anos).

Esta ano, foi a décimo terceira edición, levada a cabo de martes a venres en horario de mañá, cun total de 55 nenos e nenas. Deste xeito, as familias puideron conciliar a súa vida laboral e familiar.

As actividades desenvolvéronse de 09:15 a 14:30 h., ofrecendo, a maiores, servizo de madrugadores, de 8:30 a 09:15 h. de balde.

Educar en valores a través do xogo, propor unha oferta de tempo libre educativo para os rapaces e rapazas máis novos, e promover un Nadal activo e participativo axeitado ás idades dos participantes, favorecendo a creatividade, a participación e o traballo en equipo, son algúns dos obxectivos acadados na realización deste campamento..

Houbo actividades moi variadas coma xogos, obradoiros, deportes, cociña, excursións e visitas culturais.

Pola gran acollida que están tendo as ¨Mañás de¨,  nas que ano tras ano vese como vai aumentado o número de participantes, queremos que Abertal siga sendo un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentando o compañeirismo, o traballo en equipo e rir … de todo menos aburrirse.

Podes atopar aquí algunhas imaxes do ben que o pasaron.

Vémonos na vindeira cita para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo! Seguinte parada, Mañás de Entroido!

Operación Quilo – 21 decembro 2023

A casa salesiana de María Auxiliadora de Vigo coordinouse para recoller alimentos e contribuír así coa Cáritas parroquial neste Nadal.

Desde o pasado 1 de decembro estivo en marcha a campaña de recollida de alimentos en colaboración con varias entidades do barrio e que foi destinada a Cáritas parroquial, que durante todo o ano atende a preto de 50 familias todos os meses.
Un bo equipo de voluntarios e voluntarias encargáronse de recoller e clasificar os paquetes recollidos ao longo do mes de decembro. Agradeceron sobre todo a achega de produtos e doces típicos do Nadal, que permitiron entregar ás familias do barrio un paquete tan especial como especiais son estas datas.
Con esta acción solidaria tamén se pretende visibilizar as necesidades deste barrio do centro da cidade e sensibilizar aos mozos e mozas que participan.
Aquí atoparedes algunhas imaxes da xornada.

Moitas gracias a todas as persoas que aportaron o seu graniño de area e fixeron posible a organización e traslado dos  2472 alimentos, que poderon chegar a máis de 100 persoas.

Torneo 3×3 Baloncesto Solidario – 5 decembro 2023

Ao redor de 150 participantes e 450 paquetes de alimentos recadados para a Operación Quilo, son os números que deixan pegada do VI Torneo Nocturno de Baloncesto 3×3 Solidario organizado en colaboración co Club Baloncesto Salesianos Vigo na tarde noite do 5 de decembro .

Con 60 nenos e nenas participantes pola tarde, e preto de 90 mozos e mozas na noite e parte da madrugada, síguese a lograr o obxectivo de unir o lecer educativo saudable e a participación solidaria.

Se queres ver algunhas das imaxes do evento pincha aquí.

Encontro de Ados e CampoBosco – 25 novembro 2023

Na fin de semana do 24 ao 26 de novembro tivo lugar en Allariz e Ourense o encontro dun bo grupo de mozos e mozas do noroeste da inspectoría contando con Galicia, Asturias e unha parte de Castela e León. En paralelo se celebraron o encontro de Adolescentes (ADOS) e o CampoBosco, concentrando un total de 150 participantes.

Pinchando aquí podes ler o artigo completo e aquí podes ver todas as imaxes do encontro.

Magosto e Imposición de panos – 11 novembro 2023

O 11 de novembro de 2023, Saltimbanquis, Andaina e ADS acordaron celebrar o Magosto en Abertal, xa que podían acubillarse se chovía. Coma outros sábados ás 11,00 h. os animadores e animadoras abriron as portas do patio, pero de xeito especial a mañá alongaríase ata as cinco da tarde.

Logo dunha acollida divertida, con todo o patio para os nenos e nenas de Alternativa Vaivén, os maiores poñíanse en folga ata que todo o mundo xogara con eles. Con moita rima e “guasa” cantaron para chamar a atención dos máis pequenos, e unha vez chegado a un acordo dispuxéronse a xogar. Un clásico “nenos/as vs animadores/as” fixo que o pasaran xenial.

Pero a mañá non remataba aí, as familias achegáronse ao final da mañás para participar na Imposición de Panos, animando aos seus fillos e fillas a “medrar como Saltimbanquis, Andaina ou ADS ao estilo de Xesús”. Coa emoción no corpo de ter entregado máis de 30 panos novos, apareceu a fame, e co arrecendo a chourizos e castañas comezamos a xantar.

Os animadores, animadoras, coa colaboración das familias, prepararon uns saborosos choripáns, e para a sobremesa: castañas e música. De maneira especial deixamos entrar a pais e nais na sala de xogos e xurdiu a maxia: xogaron e bailaron coma nenos e nenas. De fondo se escoitaban algunhas conversas, ao redor duns cafés, asegurando que xa entendían por que os seus fillos e fillas lles gustaba tanto estar en Abertal.

Para ver algunhas imaxes da xornada, pincha aquí e para ver o video resumo pincha aquí.

1 2 3 4 25