Campamento Urbano con 35 anos de historia

Parecen poucos, pero xa son unha chea de anos facendo realidade esta proposta de tempo libre educativo, sen renunciar ás orixes. Un campamento urbano libre, gratuíto e aberto. Un campamento na cidade como recurso de lecer, no que os rapaces e rapazas sexan os verdadeiros protagonistas.

Por segundo ano consecutivo, volvemos organizar o campamento nas instalación do colexio salesiano Mª Auxiliadora, do 31 de xullo ao 11 de agosto, e contaremos cun nutrido grupo de voluntariado, que contaxiarán de ilusión as actividades deste verán.

A inscrición estará aberta, mesmo durante o desenvolvemento do propio campamanento, para rapaces e rapazas de 7 a 15 anos.

As actividades serán variadas: paseos polos barrios da cidade, xogos de auga, obradoiros, viaxe en barco pola ría, xogos en grupo, actividades na natureza, praia e xuntanza cos outros campamentos urbanos da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Todo en marcha para esta nova edición, que tamén atenderá as necesidades de conciliación das familias, con servizos de Madrugadores e Friameira, e que pretende ser unha oportunidade para rapaces e rapazas que non poden participar noutros campamentos este verán.