60 nenos e nenas gozaron das Mañás de Semana Santa

Un ano máis, Abertal organizou as XI Mañás de Semana Santa, campamento de conciliación, neste período de vacacións escolares, e aberto á cidade, para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Nesta edición participaron en torno a 60 nenos e nenas, que gozaron das súas vacacións de Semana Santa en Abertal.

As actividades daban comezo ás 08:45 h, e remataban ás 13:30 h, aínda que tamén se ofreceron os servizos de Madrugadores e Friameira.

O luns 3 de abril comezamos cunha xornada de xogos de presentación, onde os rapaces e as rapazas de cada grupo puideron coñecerse un pouquiño, xa que ían compartir tempo de xogo durante todo o campamento. Na segunda parte da mañá, para dar a benvida á primavera, fixemos unha sesión de relaxación, e tamén houbo ocasión para aprender a plantar nunhas macetiñas; primeiro as decoraron ao seu gusto e despois plantaron cebolas, amapolas e xirasoles.

O martes 4 de abril comezou cunha saída ao Castro, na procura de elementos da natureza que, unha vez localizados, foron devoltos a ela. Na segunda parte da mañá, despois da relaxación, os rapaces e rapazas participaron nun circuíto no que puxeron a proba a súa puntería.

Comezamos o 5 de abril cunha xincana, a través dun circuíto, superando unha serie de obstáculos. Despois tocou merendar, tempo de relaxación e sesión de cociña; puxémonos mans á obra cos ósos de santo.

Á volta dos festivos, o luns 10 de abril, volvemos ao Castro, pasando a mañá alí, xogando e merendando. A segunda parte da xornada, xa en Abertal, realizamos a última actividade do campamento, na procura dos ovos de Pascua polas instalacións do patio do colexio Salesianos.

Seguinte parada, Mañás de Verán!

Vémonos na vindeira cita, para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo!