Magosto e Imposición de panos – 11 novembro 2023

O 11 de novembro de 2023, Saltimbanquis, Andaina e ADS acordaron celebrar o Magosto en Abertal, xa que podían acubillarse se chovía. Coma outros sábados ás 11,00 h. os animadores e animadoras abriron as portas do patio, pero de xeito especial a mañá alongaríase ata as cinco da tarde.

Logo dunha acollida divertida, con todo o patio para os nenos e nenas de Alternativa Vaivén, os maiores poñíanse en folga ata que todo o mundo xogara con eles. Con moita rima e “guasa” cantaron para chamar a atención dos máis pequenos, e unha vez chegado a un acordo dispuxéronse a xogar. Un clásico “nenos/as vs animadores/as” fixo que o pasaran xenial.

Pero a mañá non remataba aí, as familias achegáronse ao final da mañás para participar na Imposición de Panos, animando aos seus fillos e fillas a “medrar como Saltimbanquis, Andaina ou ADS ao estilo de Xesús”. Coa emoción no corpo de ter entregado máis de 30 panos novos, apareceu a fame, e co arrecendo a chourizos e castañas comezamos a xantar.

Os animadores, animadoras, coa colaboración das familias, prepararon uns saborosos choripáns, e para a sobremesa: castañas e música. De maneira especial deixamos entrar a pais e nais na sala de xogos e xurdiu a maxia: xogaron e bailaron coma nenos e nenas. De fondo se escoitaban algunhas conversas, ao redor duns cafés, asegurando que xa entendían por que os seus fillos e fillas lles gustaba tanto estar en Abertal.

Para ver algunhas imaxes da xornada, pincha aquí e para ver o video resumo pincha aquí.