XXXV Campamento Urbano, vivir Vigo en agosto

O Centro Xuvenil Abertal non para nin no mes de agosto. De feito, do 31 de xullo ao 11 de agosto organizou unha das actividades con máis tradición, o Campamento Urbano, que neste 2023 chegou á súa edición número 35. Unha vez máis cumpriu o seu obxectivo de ser unha proposta aberta á cidade, totalmente libre e cento por cento gratuíto.

Así, durante dúas semanas participaron, como verdadeiros protagonistas, un bo número de rapaces e rapazas organizados en grupos por idades de 7 a 15 anos e acompañados por un nutrido grupo de voluntariado cheo de ilusión. Pero os de Vigo non foron os únicos en contar co seu Campamento Urbano. Así quedou demostrado na Xuntanza de Campamentos Urbanos de Galicia, que se celebrou na praia de Samil o 3 de agosto, reunindo a máis de mil participantes nos campamentos urbanos da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia. Xogos de auga, obradoiros, actividades en diferentes barrios da cidade, unha excursión a Cangas… completaron esta experiencia única de verán. Unha proposta que se consolida e que atendeu á conciliación familiar, ampliando o horario habitual de actividades para quen o precisaba.