Un urbano máxico

Quen coñece a traxectoria do noso centro xuvenil pode facerse unha idea de por que hai actividades que se converten en máxicas.

Cando a escasos dez días de comezar esta nova edición do campamento urbano, se nos comunica que mudan as “regras de xogo”, e que temos que botar a andar un campamento desde cero, en novas instalacións e facendo unha nova convocatoria, pouca xente confiaba en que isto fose factible.

En tempo récord deseñamos un cartel e fixemos convocatoria a través das nosas redes sociais e o boca a boca, que foi o que realmente funcionou. E aí xurdiu o milagre… 170 incricións, cunha media diaria de 120 persoas participantes, e unha proposta xeitosa de actividades.

Ver gozar a rapaces e rapazas dunha simple viaxe en barco, de Vigo a Cangas porque, se cadra, había quen nunca viaxara en barco… Iso é maxia.

Ver compartir verán a rapaces e rapazas de diversas procedencias, mesmo de Ucraína, e ver que hai un idioma común e de entendemento, que é o do xogo e a diversión… Iso é maxia.

Ver como o equipo de 75 persoas voluntarias se reinventaba cada día para ilusionar a estes rapaces e rapazas… Disfraces, coreografías, personaxes, aventuras, retos e máis retos… Ese mesmo equipo, que varias tardes á semana participaba no Urbano Xuvenil, como persoas destinatarias, coa mesma ilusión que un neno/a, descansando pouco e madrugando moito para o día seguinte… Un equipo incansable, dispoñible, que celebrou cada momento deste campamento e que chegou a converterese nunha pandilla de amigos e amigas… Iso é maxia.

Contar co apoio desinteresado de varias familias e particulares que fixeron varias doazóns para este campamento urbano, e conseguir que saia un pouco menos deficitario… Iso é maxia.

Grazas á cidadanía que confía no noso xeito de facer as cousas, no noso estilo educativo, que nos felicita polo traballo feito e que apoia as nosas iniciativas, ano tras ano, verán tras verán!