Campamento Urbano, refresco do verán

O Campamento Urbano de Abertal, que leva por título “Ti, protagonista”, chega ao seu ecuador.

Cunha media de 110 participantes, esta semana realizaron actividades variadas: olimpíadas deportivas, xogos de auga, excursión á praia e peregrinaxe polo Castro. Malia a calor destes días, os rapaces e rapazas compartiron as mañás xogando, cantando e gozando coas diferentes actividades, e coñecendo a máis xente da súa idade.

Esta semana tamén deu comezo o VIII Campamento Urbano Xuvenil, unha proposta de ocio, en horario de tarde, para mozos e mozas a partir de 16 anos. Moitas das persoas participantes son tamén preanimadores/as e animadores/as que, en horario de mañá, animan aos rapaces e rapazas do Urbano Infantil. Esta semana participaron nun karaoke, serigrafiaron camisetas e gozaron dunha tarde de xogos de auga. Rematarán a semana realizando un “Urbano Exprés” pola cidade.

Este ano o Campamento Urbano non conta con financiamento público. Abertal segue apostando por unha proposta educativa de ocio e tempo libre inclusiva e diversa. Un campamento aberto, libre e gratuíto. Autocares Galisur colaborou coas viaxes da excursión á praia, facéndonos un desconto ben xeneroso. E xa estamos recibindo algún donativo de particulares. Grazas por colaborar connosco!

O luns retomaranse as actividades de ambos campamentos, e as inscricións seguirán abertas durante toda a semana.

Non queremos rematar sen agradecer a súa dedicación ao grupo das 60 persoas voluntarias, cadaquén ofrecendo o tempo do que vai dispoñendo e, sobre todo, a súa experiencia, o que impregna de calidade esta vivencia de verán.