O Centro Xuvenil Abertal recibiu a 41 nenos e nenas nas “Mañás de Semana Santa”
O luns 15 de Abril co motivo das vacacións de Semana Santa, comezabamos na Asociación Xuvenil Abertal (sita Rúa Venezuela 3 baixo), socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, as X Mañás de Semana Santa para os pequenos/as da casa.
Foi un campamento infantil, para nenos de 3 a 12 anos, aberto á cidade, que durou catro días, coincidindo coas vacacións escolares.
Esta ano, foi a décima edición do campamento, no que 41 nenos e nenas gozaron das súas vacacións de Semana Santa en Abertal. Deste xeito, as familias puideron conciliar a súa vida laboral e familiar, e os nenos e nenas divertíronse e coñeceron a novos amigos e amigas.
Actividades coma xincanas polo Castro, grandes xogos, obradoiros de cociña ou xa a tradicional procura dos ovos de Pascua fixeron as delicias dos participantes durante os catro días de actividade.
Nenos e animadores xuntáronse cada día, dende as 8,45 h. da mañá ata as 14,15 h. da tarde para gozar dos diferentes obradoiros e xogos.
Así que nestas vacacións o centro xuvenil deu a benvida polas mañás a rapaces e rapazas da contorna. Queremos que Abertal sexa un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentar a creatividade, o compañeirismo e traballo en equipo, rir … sen dúbida, de todo menos aburrirse.
Pincha aquí para ver as imaxes.