Pascua no Camiño 2022

Chegados de diferentes cidades da Inspectoría Salesiana Santiago El Mayor, dábanse cita en Lalín 13 mozas, mozos, e non tan mozos. Chegar a Compostela era un dos obxectivos pero non o único.

No Xoves Santo comezaba a andaina, coa máxima do día ao redor do amor fraterno camiñaban. Xa en Bandeira, tempo para o descanso e celebración dos oficios xunto coa comunidade parroquial, animando cos cantos. Xornada para coñecerse xa que cada quen chegaba de diferentes realidades salesianas.

O duro tramo do Venres Santo remataba en Outeiro, con tempo para gozar das vistas do Pico Sacro. Antes do descanso, participaron na reconciliación á tardiña. Un lugar espectacular cunha climatoloxía inmellorable daba pe á contemplación.

O sábado chegaban a Compostela, coa esperanza da Pascua pero coa ledicia contida ata a noitiña, na que a auga e o lume daban sinais de Vida Nova. Sumándose á celebración parroquial de Quinta Angustia con cantos e presencia activa dábamos por rematada a “peregrinación” da Semana Santa, pero comezaba a celebración da Pascua.

A noite convertíase en festa e cea compartida celebrando a Pascua, con pouco descanso, que se notaba á mañá seguinte. A mañá do domingo dedicárona a gozar de Compostela, a comentar o milleiro de anécdotas do camiño; da que dan mostra as fotos.

Daban por rematada a experiencia cun xantar Pascual, saboreando a boa gastronomía galega, coa promesa de volver cada quen á súa cidade, casa salesiana, etc. notándoselles “na frente unha estrela, no bico un cantar”!

Animadas e animados a seguir facendo camiño…

Ultreia e Suseia!

Feliz Pascua!