Deporte, noite e solidariedade na terceira edición do Torneo de baloncesto 3×3 de salesianos. Máis de cento trinta persoas inscritas neste torneo, dentro das actividades da Campaña do Nadal Solidario coordinada desde o Centro Xuvenil Abertal dos salesianos.
O Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, en colaboración co Club Baloncesto Salesianos organizou dentro das actividades da Campaña Solidaria de Nadal este evento interxeracional. Mantendo a ampliación do torneo ofreceuse unha quenda de tarde para os rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos.
Tentando aglutinar elementos de acollida entre os máis mozos e mozas ofreceuse de xeito coordinado deporte, noite e solidariedade neste comezo da campaña de recollida de alimentos para as familias que atende Cáritas Parroquial de María Auxiliadora durante todo o ano.
Cada participante, tres quilos!
Máis de vinte equipos foron inscribíndose de xeito dixital na plataforma habilitada ao efecto dentro da páxina web do Centro Xuvenil. A cota de inscrición foi de tres quilos de alimentos por participante, convidando tamén a que se sumen á tal contribución solidaria o público que viu animalos e acompañalos ao longo da noite.
A convocatoria e sorteo desenvolvéronse de xeito áxil, xa que menos dunha semana foi tempo máis que suficiente para podermos ver un seguimento máis que significativo da oferta presentada polas dúas entidades.
Día do voluntariado
Foi nesta mesma xornada, Día Internacional do Voluntariado, cando se xuntou a Comisión de Solidariedade e un grupo de voluntarios e voluntarias para conmemorar e agradecer o traballo das persoas voluntarias da nosa entidade e doutras tantas que invirten gratuitamente o seu tempo nos demais.
O centro xuvenil Abertal pretende, de novo, ofrecer espazos de lecer educativo, alternativo e transformador tamén para a contorna máis próxima, neste caso colaborando con Cáritas.
Aquí podes ver as fotos.