Encontro dos grupos de Referencia I e II

“Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei” (Mt 11, 18)  Con estas palabras Xesús invita a descansar en El, pero non podemos esquecernos de descansar tamén  na comunidade coa que compartimos e vivimos o noso día a día e a nosa fe.

Por este motivo os dous grupos de referencia puxémonos en camiño cara o santuario da Franqueira. Os grupos de referencia queren ser unha comunidade que acolle e coa que poidamos camiñar xuntos. É importante coidarnos persoalmente pero tamén o é coidar ó grupo, xa que é en comunidade onde experimentamos a presencia do Resucitado, medramos e melloramos.

Unha vez alí, divisamos entre a néboa a Javier Alonso, párroco de dito santuario que nos deu unha calorosa benvida e contounos un pouco da longa historia do lugar. Despois de amosarnos os agasallos que os fieis lle ofrecen á Naiciña, e de pasar por debaixo da imaxe, como é costume, comezamos a celebración da eucaristía como acción de gracias polo ano vivido e como impulso para o vindeiro.

Unha vez rematada a celebración Javier abriunos as portas da casa parroquial para cear xuntos, compartir experiencias deste ano e  facer a presentación do campamento de post-catecumenado, que terá lugar en Tui a finais de xullo, a cargo de Ángela, presidenta da Asociación Centro Xuvenil Abertal.

 David Álvarez