Acampada dos símbolos – Alternativa Vaivén

A piques de chegar ao final do curso, Alternativa Vaivén non podía rematar sen a Acampada e Festa dos Símbolos; así que o sábado 9, erguémonos cedogozar dunha fin de semana de acampada en Vilán (Fornelos de Montes).

Saímos de Vigo ás 9,30 h. coa vista posta no ceo agardando que o mal tempo non impedira gozar das actividades. Chegamos á parroquia de Vilán cara a media mañá, deixamos as cousas nas habitacións e coñecimos a contorna, comezamos a nosa aventura, non sen antes coller enerxías. Rapaces e rapazas Saltimbanquis e Andaina puderon moverse libremente por diferentes xogos, como os bolos, o pin-pon, aros e tamén varios xogos de mesa, mentres que os ADS e os maiores de Andaina xogaron un escondite ó revés por toda a casa.
Despois de comer todos xuntos tivemos un tempo de sobremesa con música e bailes, e descubrimos como algúns dos nenos e nenas apuntan maneiras de convertérense nos próximos Fred Astaire. Tamén tivemos, para aqueles que preferiron descansar ben a comida unha sesión de peli. ¡Mágoa de palomitas!

Cara a tardiña, separámonos por movementos para facer un repaso deste curso, e a través de debuxos e frases tratamos de dar razón de aquilo que nos aportou o grupo, que aportamos nós ao grupo e os compromisos que fomos adquirindo. Logo falamos dos nosos símbolos e do importantes que son para nós no día a día e o importante que son dentro de Alternativa Vaivén.
Ás 21,00 h. xa notabamos a fame así que comezamos a preparar unha cea compartida. Andaina colocaba as mesas mentres ADS organizaba o reparto da cea. Aínda que foi un día de moito xogo o cansazo non aparecía por ningures. Xa pechando o día argallamos un xogo nocturno e unha peli para aqueles aos que as forzas lle minguaban.

O domingo espertamos moi cedo e con enerxía xa que esperábanos unha visita moi especial. Logo do almorzo ordenamos e preparamos a casa para acoller ás nosas familias. Ás 12,00 h. xuntámonos na capela de Vilán para ter a celebración na que se lle impuxeron os símbolos Saltimbanquis, Andaina e ADS.

Unha vez rematada a celebración nos xuntamos para o aperitivo antes de compartir unha riquísima fideua que un grupiño de pais prepararon para todos e todas, co que se gañaron ao público.
Antes de marchar para a casa non podía faltar un brilé entre nenos e familias. Neste caso a experiencia é un grado moi valioso e non puideron derrotar ás nais e ós pais. ¡Quedará pendente para o vindeiro ano.
Logo de recoller entre todos, collemos o bus e de volta e nos despedimos ata os campamentos!
Preme aquí para ver as fotos que amosan o ben que o pasamos.