Pascua´18 en Arévalo

Recoñezo, agora si, que ir a Arévalo no me resultou tan doado como facer a maleta e saír cara Castrelo. Un lugar e persoas descoñecidas esperábanme e, soamente acompañada de Segundo, embarcábame nunha aventura da que non tiña moitas referencias pero que ía merecer a pena.

Felicidade é amar ata o extremo e sen deixar na marxe todo o que ocorreu,  quédome con esta premisa. Na Pascua celébrase a Paixón, a Morte e a Resurrección de Xesús, el deu a súa vida por amor e eu tiven a oportunidade de acompañalo nese camiño feito de amor ata o final. Houbo momento para a reflexión persoal, en grupos de Pascua – un grupo incrible co que puiden compartir e aprender dos outros –, en grupos de orixe – onde me acolleron e puiden traballar co grupo de Avilés -, momentos de oración – xunto a Vela e cunha conversa de ti a ti – e de celebración coas 172 persoas de toda a Inspectoría que alí nos encontramos. Recoñecín a Xesús nas persoas, novas e vellas coñecidas, con grandes posibilidades de aprender delas. Coñecer é unha palabra forte, porque parece que en tres días non hai tempo nin para falar do frío que facía, pero non, resgardados do vento atrévome a dicir que coñecín as tentacións e as cruces pero tamén a posibilidades de ser luz das persoas que estaban o meu carón. Pero o que me cambiou foi descubrir as miñas tentacións, as miñas cruces, as razóns polas que tiña que pedir perdón e, sobre todo, polas que dar grazas, porque na Pascua atópase un ambiente e un espazo aberto a todas as posibilidades que se poidan imaxinar.
Descubrín que Xesús está connosco e por iso non estamos sós, e aínda que comecei a Pascua soa con Segundo, a rematei co corazón enchido de felicidade, amando ata o extremo. Pero non foi un final, senón un principio cun obxectivo novo e una pegada que van por diante, atréveste a atopar o teu? Porque se queres de verdade coñecer o sabor da felicidade, recoméndoche esta experiencia polo menos unha vez na vida.

 

R. S. L.