Asemblea IEF 2º t.

Xa non lembrabamos unha Asemblea do IEF na que nos xuntaramos tantos animadores e animadores de todos os movementos, 32 participantes; houbo representación de Saltimbanquis, Andaina, ADS, Iniciación ao Catecumenado, Catecumenado e grupos de Referencia.

Non podía ser doutro xeito e demos comezo á xornada cun café para espertar e ter toda a atención funcionando. Logo de moitas conversas e saúdos xuntámonos por grupiños para poñernos ao día en clave positiva coa excusa do xogo de Story Cubes. Continuando coas boas lembranzas, entre vídeos e fotografías, trouxemos á nosa memoria unha morea de momentos enchidos de ledicia que nos encendían a paixón para seguir formándonos e programando o terceiro trimestre.

A cargo de Carlos Hermida, confiando na súa experiencia en xestión de equipos de traballo, voltamos a vista atrás e avaliamos as programacións, a nosa animación e o propio xeito de avaliar. Analizando os puntos fortes e as cousiñas a mellorar, demos co punto de partida para atopar as solucións como equipo e as solucións que podemos atopar en nós mesmos e aportar ao IEF. Tendo previsto un descanso, decidimos postpoñelo xa que estabamos en faena e motivados para continuar a formación por movementos.

Susana Pérez, nai, mestra e antiga animadora do centro xuvenil, con toda a súa formación e experiencia en interioridade, deu unhas pautas ao equipo de animadores de Saltimbanquis para os “Tempos na corda”, concretamente sobre a oración e a preparación para a mesma. Sonia Núñez, nai, pedagoga e antiga animadora Andaina, coñecedora da proposta educativa Andaina compartiu a súa experiencia e as claves da animación no movemento Andaina coa proposta educativa da man do múndo simbólico como alicerces das nosas actividades. E ADS, contou con Adrián Rodríguez, parte do equipo coordinador zonal de ADS e actual coordinador do movemento no centro xuvenil Amencer (de Ourense), que axudou a afondar na proposta educativa ADS e renovar a nosa idea de Tempo de Paz para os rapaces e rapazas de 12 a 14 anos que asisten ás nosas actividades do IEF.

Logo de ter un breve descanso, xa sen tempo para máis traballo, chegaba outro momento importante da xornada, o tempo de oración a cargo de David Álvarez, no que poder mirar as nosas pegadas e cara onde apunta o noso compás. Rematar cunha cea compartida seguida dun estupendo xogo de rol en vivo preparado polos preanimadores, púxolle a guinda á xornada final do trimestre.

Aquí podes ver unha escolma de fotos!