Comisión de Solidariedade en Única Función 2018

O sábado pasado, 17 de marzo, celebramos o concerto benéfico Única Función, na súa décimo primeira edición, no cine-teatro Salesianos. Foi un evento marcado pola gran cantidade de xente que participou, tanto da propia casa, como de fora, e cun gran ambiente de diversión.

Mais detrás de todo isto atópase o traballo de todos os músicos amateurs que durante meses estiveron ensaiando e preparándose para facelo o mellor posible. Sobre todo, sumar o traballo da Comisión de Solidaridade, que estivo pendente durante eses días de preparación de que non faltase nada, e de botar unha man en todo o que precisasen os organizadores e artistas o día do concerto.

Este é un grupo que se encargou de sensibilizar sobre o principal obxectivo de UF, axudar aos nenos Talibés, proxecto misioneiro no que están inmersos os Salesianos en Dakar (Senegal). Cada fin de semana acoden á casa salesiana africana 80 nenos e 10 nenas a xogar, facer deportes e tamén a almorzar. Moitos dos nenos chegan enfermos, feridos ou con traumatismos, polo que viron a necesidade de contratar un enfermeiro que os atenda. Os Salesianos consideran que, estes nenos precisan un apoio para o seu desenvolvemento e reintegración na sociedade, “para que por un momento, esquezan ser mendigos e sexan nenos”.

Jacobo González