Nadal Solidario 2016

Máis de 120 mozos e mozas de 15 a 25 anos colaboraron na campaña de recollida, clasificación, empaquetado e distribución de alimentos organizada por Abertal para as familias coas que colabora Cáritas.

En distintos formatos, este obradoiro de solidariedade ven realizándose desde Abertal desde fai preto de 40 anos.

A entidade xuvenil, socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, coordina en colaboración con outras entidades (Colexio Salesiano, Parroquia de María Auxiliadora) a campaña de sensibilización e recollida de alimentos para Cáritas.

Semanas antes da realización do obradoiro as persoas interesadas anótanse, artéllanse os grupos, asígnanse os coordinadores dos mesmos e ten lugar unha formación sobre a entidade coa que se colabora e a importancia do traballo que se vai realizar.

O obradoiro divídese en tres partes, unha primeira na que os grupos nos que se organizan as persoas voluntarias se adican á clasificación dos alimentos (tipo, data de caducidade…), un segundo momento destínase á preparación dos ‘paquetes’ para as familias, segundo o número de membros das mesmas. Rematada esta elaboración trasládanse á sé de Cáritas desde onde se entregarán ás familias. No terceiro momento, como novidade, xuntámonos na parroquia e compartimos unha sinxeliña celebración. Trala recollida e limpeza dos espazos empregados dirixímonos aos comedor para degustar un saboroso chocolate quente con roscón, ofrecido por Caritas.

Aínda que a meirande parte dos participantes neste obradoiro son voluntarios habituais ou membros dos grupos de tempo libre dos salesianos, a iniciativa está aberta ao colexio, á parroquia, e a outras persoas interesadas. A finalidade deste obradoiro é ante todo e sobre todo a sensibilización. A mocidade que participa neste obradoiro vai sendo máis consciente das necesidades que hai na súa contorna máis inmediata e será non o futuro, senón o presente dunha sociedade máis xusta e solidaria.

Pincha aquí para ver as fotos.