Asemblea Xeral Ordinaria

O 23 de decembro do 2016, o centro xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, levou a cabo a súa Asemblea xeral ordinaria no curso 2016-2017 na que participaron ao redor de 35 persoas. Nesta asemblea participaron o Director do centro xuvenil, o equipo de xestión de Abertal, os/as responsables dos diferentes proxectos, a actual Xunta directiva e o equipo de animación.

Dende o centro xuvenil consideramos a asemblea coma un tempo importante de encontro, formación, celebración e compromiso. Un momento para expresar e agradecer o que se realiza ao longo do trimestre, ademais de medrar todos e todas xuntas en identidade e sentido de pertenza.

Ao momento inicial de acollida cun café quente para coñecernos entre nós, seguiu a explicación dos diferentes proxectos que na actualidade lévanse a cabo: Equipo de xestión, Xinxín, Clube de Ocio, Alternativa Vaivén e Europa, ademais de presentar aos novos compañeiros e compañeiras informáticos que neste trimestre incorporáronse ao centro xuvenil. Posteriormente, reunímonos tanto as responsables como os e as animadoras voluntarias de cada un destes proxectos para facer a valoración trimestral, tendo un pequeno tempo de reflexión e propostas de cara ao vindeiro trimestre.

Tamén puidemos levar a cabo un tempo de formación da man de Xulio C. Iglesias Blanco, Director do centro xuvenil Amencer de Ourense e Salesiano de referencia da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco Galicia. O contido desta formación versou sobre a Proposta Educativa dos Oratorios-Centros Xuvenís Salesianos, co obxectivo de impulsar as nosas inquedanzas no traballo.

Tras este momento formativo, tivo lugar o acto de elección da nova Xunta Directiva do centro xuvenil para os vindeiros anos e a presentación da economía do ano 2016, tanto a orixe dos ingresos coma os destinos dos gastos do ano. E seguidamente, levouse a cabo de maneira moi participativa a Celebración de Nadal, lembrando a importancia do tempo, tanto na calidade coma na cantidade, que cada un ten con e para as persoas coas que vivimos, coas que traballamos ou coas que cada día estamos nos nosos proxectos.

Por último, para rematar a xornada da Asemblea puidemos compartir o momento da cea con boa conversa, risas a esgalla, xogos, música e baile.

Pincha aquí e verás as fotos.