Experiencia de voluntariado no Club de Ocio

Son Nikos e durante o último ano participo como voluntario no Club de Ocio do Centro Xuvenil Abertal. En setembro de 2015 cheguei a Vigo para facer o meu Servizo Voluntario Europeo en Abertal. Durante este decateime de que había un proxecto para xente con discapacidade, que lles permite saír os sábados a tomar algo, asistir a concertos, espectáculos, cinema etc. e facer outras cousas interesantes.

Desde o primeiro momento pareceume unha idea estupenda. No meu país, Grecia, nunca me decatara de que houbese este tipo de proxectos. Sempre pensaba que a xente con discapacidade non tiña a posibilidade de participar en actividades de tipo social fora da súa contorna familiar.

Así que un día en traballo, a coordinadora preguntoume se me interesaba participar voluntariamente no Club de Ocio. Sen pensalo moito din unha resposta afirmativa. E así se me abriron as portas ao mundo do Club de Ocio. Antes de empezar non tiña ningunha relación con xente discapacitada e fun á primeira saída un pouco preocupado, pensando sobre como o vou a facer?, como me vou a comportar con eles?, que fago nunha situación difícil sen ter experiencia? E se digo algo que pode molestar?…Ao final todo foi ben. Acabei moi feliz e satisfeito desa experiencia. Así que decidín seguir con iso e participar como voluntario activo do Club de Ocio, cando mo permitiría o meu horario.

Paréceme moi interesante relacionarse con xente diferente. Cada vez con eles é distinto. Ás veces penso que igual esa xente é máis interesante que a xente “normal”. Están felices con cousas simples, non se queixan por bobadas, non son materialistas como nós. Ademais, a intelixencia desas persoas é incrible. Cada un deles segundo a súa problemática desenvolveu outra sensación.

Un momento que me quedou na miña cabeza foi cando un mozo que non pode falar case nada me tentaba explicar o lugar onde traballa. Facíame coas súas mans un circulo, algo redondo; custoume moitísimo decatarme que o sitio era…Redondela! Que listo foi de explicarmo así, tan simple, e que lento fun eu de entendelo!
Ademais, cada un destes mozos é especial. Encántame observarlles e tentar entender o seu mundo! E é tan fácil facerlles sorrir, é marabilloso. A satisfacción de verlles sorrir é incrible.

Cada sábado é diferente, unha experiencia nova. Gústame participar no proxecto que dá a oportunidade a estas persoas de ter vida social e facer actividades como todos os demais. Con todo, eu tamén estou a gañar experiencia e vou enriquecendo a miña personalidade .É unha iniciativa que fai realidade as palabras de que “todos somos iguais”.