Un ano máis, o noso centro xuvenil abriu as súas portas aos máis cativos e cativas da casa, nas xa tradicionais “Mañás de Entroido”. Esta edición do campamento infantil, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, aberto á cidade, desenvolveuse en dúas únicas xornadas, coincidindo coas vacacións escolares de Entroido, xa que o martes 13 de febreiro foi festivo en Vigo.
Nesta nova edición de Entroido, e xa van doce!, 30 nenos e nenas gozaron da proposta de actividades de Abertal, e as súas familias puideron conciliar vida laboral e familiar.
As actividades desenvolvéronse en horario de 8:30 h. a 14:30 h. cunha oferta variada de obradoiros, como o de creación de máscaras ou cociña tradicional, e xogos, como a busca do Peliqueiro perdido, xogos de Entroido, xogos cooperativos…
Unha vez máis, Abertal quixo ser un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentar a creatividade, favorecer o compañeirismo e o traballo en equipo, rir… de todo menos de aburrirse.
Un ano máis, a Asociación Xuvenil Abertal e abriu as súas portas aos/ás pequenos/as da casa nas ¨XVI Mañás de Verán¨ e nas “X Mañás de Setembro”. Trátase de dous campamentos de conciliación abertos á cidade, destinados para nenos e nenas dende 4º de infantil ata 2º da E.S.O., que se levan a cabo nos meses de xuño e xullo e na última semana de vacacións escolares de verán, antes de comezar o novo curso.
Esta ano, foi a dezaseisava e décima edición respectivamente, os cales leváronse a cabo do 26 de xuño ao 28 de xullo e do día 1 ao 8 de setembro, de luns a venres en horario de mañá, no que, en total, chegaron a desfrutar 250 nenos e nenas. Deste xeito, as familias puideron conciliar a súa vida laboral e familiar.
As actividades daban comezo ás 08:45 h, e remataban ás 13:30 h, aínda que tamén se ofreceron os servizos de Madrugadores e Friameira.
Nenos/as e animadores/as xuntáronse cada mañá para desfrutar das diferentes actividades propostas. Nas ¨Mañás de verán¨ gozaron de actividades variadas como xogos de auga, excursións, días de praia, diferentes obradoiros, deportes, entre outras. Nas ¨Mañás de setembro¨, cabe destacar que na primeira parte da mañá, os/as participantes puideron escoller entre diferentes actividades como entrenamento de fútbol ou baloncesto, grazas a colaboración de ambos clubs, ou a actividade proposta por Abertal na que que se fixeron diferentes obradoiros como cociña, arxila, pulseiras e ata unha visita a comisaría da Policía Local de Vigo. Xa na segunda parte da mañá, todos/as xuntos/as puideron gozar de diferentes actividades como excursións ao visor submarino Nautilus, ao Centro Arqueolóxico Salinae, ao Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, visita interxeracional dun grupo de persoas de Atendo, así como diferentes xogos e obradoiros que se levaron a cabo tanto no exterior como nas propias instalacións.
Pola gran acollida que están tendo as ¨Mañás de¨, nas que ano tras ano vese como vai aumentado o número de participantes, queremos que Abertal siga sendo un lugar para imaxinar, descubrir e crear, fomentando a creatividade, o compañeirismo e o traballo en equipo, rir … de todo menos aburrirse.
Seguinte parada, Mañás de Nadal! Vémonos na vindeira cita, para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo!
Un ano máis, Abertal organizou as XI Mañás de Semana Santa, campamento de conciliación, neste período de vacacións escolares, e aberto á cidade, para nenos e nenas de 3 a 12 anos. Nesta edición participaron en torno a 60 nenos e nenas, que gozaron das súas vacacións de Semana Santa en Abertal.
As actividades daban comezo ás 08:45 h, e remataban ás 13:30 h, aínda que tamén se ofreceron os servizos de Madrugadores e Friameira.
O luns 3 de abril comezamos cunha xornada de xogos de presentación, onde os rapaces e as rapazas de cada grupo puideron coñecerse un pouquiño, xa que ían compartir tempo de xogo durante todo o campamento. Na segunda parte da mañá, para dar a benvida á primavera, fixemos unha sesión de relaxación, e tamén houbo ocasión para aprender a plantar nunhas macetiñas; primeiro as decoraron ao seu gusto e despois plantaron cebolas, amapolas e xirasoles.
O martes 4 de abril comezou cunha saída ao Castro, na procura de elementos da natureza que, unha vez localizados, foron devoltos a ela. Na segunda parte da mañá, despois da relaxación, os rapaces e rapazas participaron nun circuíto no que puxeron a proba a súa puntería.
Comezamos o 5 de abril cunha xincana, a través dun circuíto, superando unha serie de obstáculos. Despois tocou merendar, tempo de relaxación e sesión de cociña; puxémonos mans á obra cos ósos de santo.
Á volta dos festivos, o luns 10 de abril, volvemos ao Castro, pasando a mañá alí, xogando e merendando. A segunda parte da xornada, xa en Abertal, realizamos a última actividade do campamento, na procura dos ovos de Pascua polas instalacións do patio do colexio Salesianos.
Seguinte parada, Mañás de Verán!
Vémonos na vindeira cita, para seguir apoiando ás familias e gozar coas rapazas e rapaces dun tempo libre lúdico e educativo!