Acampada dos Símbolos

Como outros sábados, animadores a animadoras de alternativa Vaivén se xuntaban ás 10:00 h para coordinar as actividades da mañá e poñer en marcha a Acampada dos Símbolos.

Ás 11:00 h abríanse as portas aos rapaces e rapazas de Saltimbanquis, Andaina e ADS que na media horiña de acollida convertéronse nun grupo de 60 persoas. Xogos no patio, brilé, comba, fútbol e voley, eran algúns dos entretementos da acollida,

A choiva non nos deixou pasar a fin de semana ao aire libre, pero aproveitaron ambos días no propio centro xuvenil comezando coa entrega dos símbolos, na que as familias se fixeron presentes e se compartiu un pincho que deu lugar a morea de conversas entre pais, nais, animadores e animadoras, poñéndose cara máis aló do que lle ían contando os seus fillos e fillas.

A tarde se fixo corta entre xogos, obradoiros, fútbol, música e baile. E aproveitando que deixara de chover sairon a merendar.

Cando chegou a noitiña os ritmos se foron diversificando, Saltimbanquis baixaba o ritmo para ir durmir logo dunha xeitosa cea, algún xogo para gastar as últimas enerxías e as boas noites. Andaina por outra banda aproveitou a liberdade que lles daba o colexio baleiro, para xogar por todos os corredores a escuras.

Logo dun merecido descanso e algún que outro ronquido, espertaron con música, colaboraron para recoller todo e compartiron un abundante almorzo. E coas pilas cargadas, sumáronse á celebración parroquial na que participaron efusivamente!

Poderían contarvos moitas anécdotas pero as imaxes falan soas, pincha aquí para velas.