Festexando a Xoán Bosco e os 45 anos de Abertal

Unha morea de actividades foron as que abriron á cidade de Vigo o soño de Xoán Bosco, e fose así coñecido por rapaces e rapazas alleas ao centro xuvenil.

Comezamos coa convocatoria do tradicional XIV Torneo de Xadrez gracias á colaboración da Asociación de Antigos Alumnos San Matías. Esta sigue a ser nunha oportunidade para que nenos e familias coñezan a asociación e aos seus membros, ao mesmo tempo que se pon en valor entre os máis pequenos esta actividade con bastantes adeptos na casa salesiana de Vigo.


Saíndo das nosas instalacións, e en conxunto con outros centros xuvenís de Galicia, os grupos xuvenís do Itinerario de Educación na Fe, celebraron o 20 de xaneiro en Compostela, que o soño de San Xoán Bosco sigue vivo, e que os seus soños teñen moito que ver cos do pequeno turinés. O artigo completo da Xuntanza Xuvenil o podedes ler aquí.

Dun xeito especial, a Oración Aberta do mes de xaneiro mudou de espazo: a sala de xogos de Abertal, centro neurálxico das nosas actividades, preparada nesta ocasión para a festa xuvenil de Don Bosco; e que mellor que comezar a festa celebrando xuntos e xuntas!

E para continuar, a festa xuvenil de Xoán Bosco reuniu a mozos e mozas de 15 a 20 anos que deixaron a vergoña nun segundo plano; todos e todas animáronse a participar nos xogos musicais que se foron propoñendo ao longo da celebración do 26 de xaneiro. A media noite apagarónse as luces e as velas do 45 aniversario de Abertal acendéronse, dando o pistoletazo de saída ás outras moitas celebracións que se irán sucedendo ao longo deste ano.

Ao final do mes de xaneiro, o IX Torneo Don Bosco Nocturno de Futsal enchía o patio salesiano de mozos e mozas, converténdose nunha alternativa de lecer nocturno, con un ambientazo fora do campo e deportividade dentro del. Notamos que nestas últimas edicións, convertiuse nunha actividade demandada pola mocidade que cada vez congrega a máis xente de toda a cidade.

E por último, gozamos da VII edición do Boscochef, unha actividade de cociña familiar na que colaboraron profesores do colexio salesiano María Auxiliadora, educadoras da Fundación Juan Soñador e un grupo de animadoras e animadores do centro xuvenil, acompañadas polo seu grupo de Ados 2. Gracias a todas estas sinerxias, unha morea de receitas ben saborosas e unha xeitosa tarde chuviosa de venres colleu un sabor a fogar, xusto o que quería Xoán Bosco para a súa familia salesiana, da que todos e todas formamos parte.