Xuntanza Ados e Xuven (Compostela) – 20 xaneiro 2024

O camiño empeza en Compostela para os grupos de Adolescentes e Mozos de Galicia.

As casas salesianas galegas reúnense en Santiago nun encontro para compartir os soños máis ilusionantes.
Máis de 50 animadores e mozos reuníronse en Santiago de Compostela o pasado sábado, 20 de xaneiro, na tradicional Xuntanza dos grupos maiores do Itinerario de Educación na Fe das casas de Galicia. Neste encontro conviviron na cidade xacobea os grupos de Adolescentes e Mozos de Ourense, A Coruña, Cambados, Lugo e Vigo ao redor dos soños que nos fan camiñar. A xornada comezou cunha camiñada até o parque aberto na antigas dependencia do mosteiro de Santo Domingo de Bonaval. Nesta contorna, os participantes, reunidos en diferentes grupos, puideron coñecerse mellor, compartir os seus soños a curto ou longo prazo, xogar xuntos, ou deixarse interpelar cos soños do propio Don Bosco e como estes poden iluminar o seu momento vital. Posteriormente, a convivencia trasladouse ao Centro Xuvenil Don Bosco onde, durante a comida, os participantes recibiron a vista do director do centro, José Luís Luena, e o seu coordinador, Xesús Vilas, a quen agradeceron a acollida. Tras repor forzas, a actividade trasladouse á catedral de Santiago, final da ruta compostelá, onde os mozos e mozas dos grupos de Adolescentes e Mozos descubriron lugares recónditos do casco antigo da cidade de forma lúdica a través dos grupos feitos para o encontro. Alí, coa catedral de fondo realizouse a foto do encontro e completouse o detalle que serviu de fío condutor desta xornada: un chaveiro que aúna unha nube que lembra o soño do nove anos de Don Bosco e unha frecha amarela coa conclusión da Xuntanza, o desexo de que “que o teu soño te faga camiñar”. E é que, din quen viviron a experiencia, o verdadeiro Camiño de Santiago comeza coa volta a casa. Para Primo Hernández, responsable da etapa de Adolescentes e Mozas do Centro Xuvenil Abertal de Vigo, “recuperar a Xuntanza que se interrompeu pola pandemia foi un reto, pero a satisfacción dos animadores e os participantes mereceu a pena”. “Unha vez roto o xeo, todos puxeron da súa parte para compartir o mellor de si cos demais”, destacou Hernández. Ademais, o encontro serviu de lanzamento para xerar algún grupo máis nalgunha das presenzas salesianas de Galicia.

Mateo González Alonso

Para ver as imaxes do encontro preme aquí.