A maxia de Don Bosco

Que Xoán Bosco é patrono da xente da maxia e de ilusionistas, xa o sabiamos. Que sempre en xaneiro celebramos as súas festas, tamén era coñecido. Por iso, un ano máis, o noso centro xuvenil encheuse de vida e ledicia. E a maxia de Xoán Bosco foi unha realidade…

Comezamos as celebracións compartindo a tradicional oración aberta, o venres 21, xunto a xente da parroquia e catequistas, animadoras, animadores e un grupiño de mozas e mozos de Abertal.

Os Saltimbanquis participaron nunha actividade especial de contacontos; na que tamén puideron colorear e pintar, e gozaron do espectáculo, vendo como parte dos seus animadores e animadoras teatralizaban o conto de El punto, de Peter H. Reynolds.

A sala de xogos volveu cobrar vida a tarde do sábado 22, cun grupiño de 40 mozos e mozas que participaron nos torneos de futbolín e pimpón, con son de fondo do Sevilla-Celta, que acompañaba a intensidade das tres competicións.

O torneo de xadrez, en colaboración con Antigos Alumnos, tamén foi todo un éxito, xa que houbo unha grande participación, especialmente rapazada de Primaria, moita dela doutros colexios da zona.

Os grupos de Catecumenado realizaron unha actividade conxunta o venres 28. Foron 80 as persoas participantes, que se distribuiron en pequenos grupos e foron rotando por diferentes xogos e deportes. Ao final da actividade, recibiron un agasallo doce e unha lembranza de Don Bosco, recuperando unha frase, na súa lingua materna, o italiano: “Abbi cura di te!”.

Non podía fallar nas festas o torneo nocturno FutSal, aínda que nesta ocasión, polas restricións do covid, só puideron participar 15 equipos. A noite alongouse coa emoción das tandas de penaltis, en varios partidos consecutivos. A deportividade e a diversión foron as verdadeiras protagonistas; e moita xentiña nova que tiña ganas de recuperar esta tradición.

O sábado 29, os grupos de Alternativa Vaivén (Saltimbanquis, Andaina e ADS) celebraron unha actividade de portas abertas, a BoscoFest, unha feira de xogos no patio do colexio salesiano, na que se sumou rapazada da cidade.

O 31 de xaneiro, o propio día da festividade de Xoán Bosco, un grupiño de animadores e animadoras participamos na eucaristía da tarde, xunto a outra xente que non quixo faltar á cita, a pesar de ser luns, e día laborable.

En Abertal clausuramos as festas de Xoán Bosco coa maxia dun cacao concerto moi xeitoso. Preto de 60 persoas, dispostas a cantar, en directo ou con axuda de karaoke, e a bailar e celebrar. Unha festa na que non faltou un bo chocolate quente e uns churros, detalle da Churrería-chocolatería Filipo, e dun pai e o seu fillo, que quixeron colaborar deste xeito.

Que alegre e a gusto se sentiría Don Bosco no medio de tanta mocidade!

Viva a maxia de Don Bosco!