O pasado domingo 23 de febreiro 2020, unha representación dos animadores e animadoras de Abertal achegábase a Ourense para gozar do Entroido e sumarse ao desfile polas súas rúas na Comparsa da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, da que somos membro fundadora.
Xunto coas persoas representantes do Centro Xuvenil Abeiro (A Coruña) e da Asociación Xuvenil Amencer (Ourense), as de Abertal desfilaron polas céntricas rúas da cidade das burgas. A temática elixida este ano foi a do “cambio climático” por iso, vestidas de Greta Thunberg, de árbores e cabichas, concienciaban ao tempo que divertían e lle sacaban un sorriso á morea de asistentes ao evento. Non podía faltar o catamarán de Greta co que chamar a atención e poñerlle humor xunto con diversas escenificacións e lemas que se foron repetindo ao longo das 2 horas de desfile entre as 17h. e as 19h.
Logo desta boa experiencia, e de máis de 5 anos de traxectoria, agardamos repetir o vindeiro ano; coa ilusión de que sexan moitas máis as persoas participantes do noso e outros centros xuvenís salesianos.
Pincha aquí para ver unha escolma de imaxes que amosan o ben que o pasamos!