Acampada Aninovo Cate II – Barcia de Mera

O pasado xoves 2 de xaneiro, 15 persoas do grupo de Catecumenado II comezamos unha significativa acampada de Aninovo que rematou a domingo á mañá. Saímos ás 18,00 h. cara Barciademera, concello de Covelo, xa caera a noitiña e non puidemos ver a fermosa paisaxe ata o día seguinte.

Despois de recoñcer un pouco o lugar, onde iamos a durmir, e descargar o material,fixemos unha primeira dinámica para saber como chegábamos á acampada, como estábamos. As cartas do “Dixit” axudáronnos a poñerlle resposta a algunhas preguntas que nos estabamos a facer.

Cando xa chegou a fame, sentámonos a mesa todos e todas xuntas para a cea compartida, que deron paso a conversas distendidas, o que viñamos demandando vai meses. Porque unha reunión está ben, pero precisabamos conversar sen obxectivos e sen hora de rematar. Xa coa noite pechada, parecía que iamos rematar a xornada vendo a peli de “17” pero non foi así, e logo do filme, continuamos comentando a peli e diversificando a conversa ao redor do lume, xa que o frío era moito.

Unhas persoas antes e outras despois, fóronse metendo no saco para durmir un chisco e á mañá seguinte, logo dun almorzo quentiño, comezar unha dinámica diferente. Repasamos o noso paso polo ano 2019 e algunhas experiencias vividas, para poñer propostas nas que seguir camiñando, e xa que Xesús ten unha parábola axeitada a elo, logo de escoitala, collemos as sementes que queremos facer medrar este fermoso ano de cambios e oportunidades e lles dimos forma para non esquecelo no noso día a día.

Dimos por rematada a acampada cunha sabrosa comida feita entre todos e todas! 

 

Aquí podes atopar unha escolma de fotos.