O pasado xoves, 24 de xaneiro do 2019, con motivo de das festas de Don Bosco a Asociación de Antigos Alumnos organizou e realizou, en colaboración co centro Xuvenil Abertal e o colexio María Auxiliadora, o X torneo de xadrez.
Foi a partires das 17,45 na sede social da Asociación de Antigos Alumnos (R/ Venezuela 3-2º) onde tivo lugar o devandito torneo que se distribuiu en tres categorías en función da idade das persoas participantes: de 1º a 3º de Educación Primaria, de 4º a 6º de Educación Primaria e unha terceira categoría para o alumnado da ESO.
“De haber demanda, -asegura Rafael Martínez Sidrach, actual presidente da Asociación de Antigos Alumnos-, de boa gana financiariamos premios tamén para categorías de maiores”.
Por décimo ano consecutivo un grupiño xeitoso de alumnos e alumnas do colexio María Auxiliadora de Vigo –aínda que o torneo é aberto tamén á cidade-, reuniuse para gozar dunha tarde diferente ao redor dun taboleiro de xadrez.
Concentración, compañeirismo e bo ambiente entre os xogadores fai que cada ano que pasa, máis nenos, nenas, mociños e mociñas se sumen a esta iniciativa. “Comezou sendo fundamentalmente para o alumnado de primaria, lembra José Manuel Jardón, e abriuse á etapa de Secundaria debido á demanda da xente”.
Logo da tensión da tarde de desenvolvemento do torneo, tivo lugar a entrega de premios levada a cabo pola presidencia de ambas as dúas entidades organizadoras.
Preme aquí para ver as fotos.