O venres 18 pola tarde tivemos unha emotiva presentación dos cadernos “Para animar en galego, sen escusas nin atrancos” e “Cousas sobre Bóveda” da Comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense.
Todos os centros xuvenís de Galicia teñen na súa identidade o uso e a defensa da cultura galega. Deste xeito nace o caderno “Para animar en galego, sen escusas nin atrancos”, unha publicación na que os animadores/as nos contan os seus medos e atrancos a usar o galego na animación do tempo libre.
O segundo caderno trata sobre Alexandre Bóveda, político republicano pertencente ao partido galeguista e pai do primeiro Estatuto de Autonomía, vencellado de cativo ó Oratorio dos Salesianos, xerme do que hoxe é a Asociación Xuvenil Amencer. Asociación irmá da nosa, Abertal.
Na presentación do caderno interviñeron dous escritores da publicación, cada un afondando en diferentes ámbitos da vida de Bóveda.
Primeiramente tomou a palabra o Alcalde de Vigo, Abel Caballero, escritor no caderno, que presentou ao Bóveda político, un home que foi asasinado por defender a democracia neste país. Seguidamente, Carlos Hermida, coordinador da comisión Xalgarete, deulle a palabra a Xosé Manuel Lence, párroco da Ramallosa e a quen se lle pediu que amosara o Bóveda cristián. Un home a quen a fe lle axudou a manter a paz e ata perdoar a quen o 17 de agosto o asasinou. Por último e debido a que Carmen Avendaño non se puido achegar á presentación, tomou a palabra Elvira Rivas, coordinadora da Asociación Érguete, e que falou do traballo incansábel da súa asociación en prol dun colectivo desfavorecido, como é o dos enfermos de drogodependencia.
Todos e todas eles amosáronnos como a figura de Alexandre Bóveda non é algo que quedou no pasado, senón que segue a haber moitas e moitos que loitan hoxe en día por unha Galicia mellor, ao seu estilo.
Gañas de coñecer a Bóveda e dalo a coñecer foi o que quedou en cantas e cantos asistiron á presentación realizada na Libraría Don Bosco, da rúa Venezuela, e que de xeito especial quixeron colaborar a través do crownfunding con este proxecto e os que están por vir.
Aquí algunhas fotos do evento