Intercambio xuvenil en Grecia – INVEP 3.0

Artigo escrito polos rapazas e rapaces que foron participes do intercambio , aquí vos deixamos a súa historia.

Tres mozos de Vigo, un de Lugo e unha rapaza de Elxe xuntáronse para formar o equipo que participaría na terceira fase do proxecto INVEP (International Volunteers in Educational Projects) do 2 ao 12 de outubro na cidade de Kalamata, ao sur de Grecia. Mención aparte merece este destino, terra famosa polas súas deliciosas olivas, coñecidas internacionalmente co nome de olivas de Kalamata, ademais de polo seu excelente aceite de oliva, viño, queixo e unha senfín de produtos da terra.

Esta experiencia, que viviron con outros mozos e mozas de Grecia, Italia, Turquía e Tunisiana, consistiu nun intercambio en tódolos aspectos: cultural, intelectual e social. Nun contexto de educación non formal, cada país participante encargouse de levar a cabo as actividades dun día, tendo como foco principal temas relacionados co voluntariado e coa fin de promover unha mensaxe de solidariedade, cooperación, democracia e diálogo inter cultural en todo momento. O tema asignado á delegación española foi o de dereitos humanos, polo que se realizaron unha serie de obradoiros para afondar no coñecemento dos mesmos para rematar cunhas breves representacións teatrais onde se estivesen vulnerando algún dereito fundamental.
Con todo, non só foi un intercambio pechado onde se reflexionou sobre os temas anteriormente citados, senón que os participantes tamén tiveron a oportunidade de coñecer a zona e de practicar o voluntariado activo participando na limpeza anual da praia de Voidokilia e organizando unha gymkana aberta ao publico na praza do centro xuvenil, en pleno centro de Kalamata.
Sen dúbida unha experiencia inesquecible para os que tiveron a sorte de participar nela e totalmente recomendable para todos aqueles con ganas de viaxar, coñecer, compartir e, sen máis, vivir algo novo.