Alternativa Vaivén – 25 marzo 2017

Non querendo deixar pasar a oportunidade de facer unha actividade polo día da árbora (21 de marzo), Andaina viaxou ao “Cume das Nacións Unidas contra o cambio climático”. Moito tiveron que traballar, informarse, reflexionar sobre os problemas ecolóxicos actuais para elaborar uns pequenos pero moi importantes dereitos das árbores. Sen esquecernos de que cada pequeno xesto axuda a conservar o medio ambiente, a casa común.

ADS continuou coa súa aventura, VitrADS. E antes de facer a primeira viaxe non podiamos arriscarnos a non preparar ben a mochila. Coas miras postas no campamento de verán, preparamos as nosas maletas. Dez obxectos imprenscindibles foron os que consensuaron entre rapaces e rapazas. Unhas fotos do ano pasado, da Cidade da Gaivota, foron suficientes para refrescar a memoria e encher ao resto do grupo de curiosidade e ganas de participar nesta nova aventura.

Saltimbanquis mergullouse noutro tipo de contos, historias con marionetas. Cada quen elaborou a súa e quedou pendente a creación dunha historia en grupo coas personaxes que elaboraran na que incluirán algo que aprenderan este trimestre. Silicona, fieltro, goma eva, la, cartolinas, fíos, tesoiras e olliños saltóns, foron algúns dos materiais que se empregaron para darlle forma a extraterrestres, princesas, animais e outros protagonistas da imaxinación.

Aquí podes ver o ben que o pasamos a mañá do sábado 25 de marzo de 2017