Curso de Monitor de Tiempo Libre en Vigo.

A titulación de monitores/as de actividades de tiempo libre é un título que concede a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia. Para a súa obtención están recoñecidas as escolas de tempo libre, encargadas de impartir esta formación. O curso que se imparte na nosa asociación depende da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco (ETLDB), recoñecida a tal efecto desde o 1 de xuño de 1986.

REQUISITOS
Para efectuar a matrícula no curso de monitores/as de tiempo libre é imprescindible cumprir cos seguintes requisitos:
·    Ter cumpridos os 18 anos no momento de comezo do curso (haberá que achegar fotocopia do documento de identidade).
·    Dispoñer da graduación en Educación Secundaria, graduado escolar, técnico/a auxiliar en FP ou grao equivalente.

PREZO: 250 euros (taxas de expedición de título non incluídas).

DESCRICIÓN DO CURSO 

Para a obtención deste título, o alumnado debe superar as dúas fases descritas no decreto vixente na actualidade.

A PRIMEIRA FASE, chamada teórico-práctica, é a que se corresponde propiamente co curso. Ten unha duración de 200 horas organizadas en 20 xornadas de 10 horas cada unha, correspondentes, polo xeral, a unha materia do plano de estudos descrita no citado decreto, adaptado por esta ETLDB dentro das súas competencias.

A modalidade é presencial, aínda que se poderá combinar cunha parte online, dependendo das circunstancias de cada edición, e segundo determina a normativa autonómica.

A SEGUNDA FASE correspóndese cun período de prácticas, nunha destas dúas modalidades:
– Actividade con pernocta nun programa de tempo libre (campamento ou colonia), cun cómputo máximo de 10 horas por día, en bloques non inferiores a tres días.
– 150 horas en actividades descontinuas nunha entidade que traballe no eido da educación no tempo libre e que poida acreditar estas prácticas.

O alumnado que así o desexe poderá complementar esta titulación oficial cos certificados de manipulación de alimentos e prevención de riscos no tempo libre (ambos incluídos no prezo do CMTL).

DATAS: do 27 de maio ao 21 de xuño de 2024

HORARIO: De luns a venres, de 09:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 h.

(*) As datas do curso poderán sufrir algún cambio, de maneira excepcional, durante a realización do mesmo, por causas debidamente xustificadas, e sempre respectando ao máximo o interese xeral do alumnado.

AVALIACIÓN
A avaliación de ambas fases correspóndelle á escola de tempo libre, baseándose en criterios establecidos ao comezo do curso.

INSCRICIÓN
A inscrición deste Curso Monitor de Tiempo Libre en Vigo farase telematicamente (enlace ao final deste artigo), formalizándose o pago inicial de 75 € do importe total do curso.
Os 175 € restantes da matrícula abonaranse antes de transcorrida a metade do curso. No caso dalgunha dificultade á hora de efectuar o pago da matrícula, estudarase cada caso de xeito particular.
Os prazos de matrícula son os seguintes:

1º pago: ata o 20 de maio de 2024

2º pago: ata o 7 de xuño de 2024

O importe do curso inclúe materiais básicos, seguro e dereitos académicos.
(*) As prazas son limitadas, e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Non se realizan reservas.

BAIXAS
Toda notificación de baixa posterior ao prazo final de inscrición da fase de inscrición do correspondente curso dá dereito á devolución dun 50% do importe da matrícula. Unha vez comezado o curso, non se realizarán devolucións.
A non asistencia ao curso significa a perda de tódolos dereitos de matrícula, así como o importe da mesma.

ANULACIÓN DO CURSO
A Escola de Tempo Libre resérvase o dereito de anular algún curso cando o número de inscricións non chega ao mínimo de prazas requeridas, a xuízo da entidade. Neste caso devolverase o importe íntegro da matrícula.

CERTIFICACIÓNS
Ao final de cada curso, a Escola de Tempo Libre e animación socio cultural Don Bosco estenderá un certificado de asistencia, co número de horas realizadas.

O feito de efectuar a inscrición e matrícula neste curso supón o coñecemento e aceptación das normas aquí expostas.