O centro Xuvenil Abertal preocúpase polo tempo libre dos máis pequenos, e fai unha oferta variada de actividades de lecer para as diferentes períodos do ano e as demandas das familias:
- Alternativa Vaivén: oferta de lecer, os sábados pola mañá, integrada no Itinerario de Educación na Fe que comeza nos 6 anos con Cativos, pasa por Andaina, e remata en ADS, nos 14 anos.
- Xinxín: proxecto de Abertal no que se acollen a nenos/as derivados do colexio Salesianos que precisan apio educativo e unha oferta de ocio saudable e integradora. Neste proxecto trabállase man con man co centro educativo do que proceden os rapaces.
- Campamento Urbano: É unha oferta gratuíta de lecer educativo, aberta a tódolos nenos e nenas (de 8 a 14 anos), que consiste na realización dun campamento na propia cidade.
- Mañás de…: proxecto lúdico que facilita a conciliación familiar nas épocas de Nadal, Entroido, semana santa, verán e setembro; para destinatarios de entre 3 e 12 anos. Nalgúns casos ofrécese servizo de madrugadores e fiambreira.
Máis información:
Alternativa Vaivén é un proxecto que está enmarcado dentro da oferta do Itinerario de Educación na Fe Inspectorial. Abrangue unha oferta integral de actividades de tempo libre para o colectivo de nenos e nenas de Vigo. O proxecto responde a unha intencionalidade educativa, susténtase nunha proposta de educación en valores humano-cristiáns. Así, dentro da proposta de actividades, que se encadrarán en distintos programas, téntase cubrir todos os momentos de lecer da infancia:
- Os nenos e nenas de 6 a 9 anos participan no movemento Saltimbanquis.
- Os rapaces e rapazas de 9 a 12 anos participan no movemento Andaina.
- Os mozos e mozas de 12 a 14 anos participan no movemento ADS (Amigos Domingo Savio)
Pretendemos …
… Facer unha oferta integral de actividades de tempo libre para o colectivo de nenos/as da cidade
… Educar en valores humanos coma a solidariedade, a tolerancia, a paz, o non sexismo, a ecoloxía, etc.
… Fomentar o uso educativo do tempo libre
… Transmitir hábitos e habilidades de convivencia, de traballo en grupo, etc.
… Fomentar desde a primeira infancia o asociacionismo
Metodoloxía
A metodoloxía que sustenta as distintas actuacións dentro do programa está baseada, de forma xeral, en dous principios pedagóxicos que marcan as nosas actuacións no tempo libre, que son:
- Principio da acción-reflexión: seguindo este principio preténdese ofertarlles ós rapaces/as experiencias concretas que despois lles favorezan asumir valores.
- Importancia do xogo como ferramenta educativa por ser espazo natural dos rapaces e fonte de aprendizaxe e gozo natural.
- A opción polo grupo e polos distintos grupos (a medida que van medrando o funcionamento e ritmo grupal adáptase ás necesidades dos rapaces converténdoos en mediación da realización das actividades e da súa vida).
- Acompañamento: segundo o cal, perséguese acompañar ao rapaz no seu proceso de maduración, ofertándolle actividades ó longo de todo o período que comprende dende a infancia ata a adolescencia. Deste xeito, o labor educativo da asociación fundamentaríase nunha presenza activa e modeladora dos animadores/as e preanimadores/as nas distintas actividades e grupos ofertados ós rapaces/as.
Asemade, dentro das técnicas que utilizamos inclúese todo o abano de propostas da educación no tempo libre: dinámicas de grupos, xogo-aventuras, animación á lectura, aventuras autoxestionadas, etc.
Por outra banda, hai que destacar que as diferentes ofertas de Alternativa Vaivén (Saltimbanquis, Andaina e ADS) teñen unha proposta educativa e pedagóxica propia.
DESCRIPCIÓN: Desde a clave de fomentar o valor da solidariedade en todas as accións levadas a cabo, hai uns anos xurdiu este proxecto, como resposta á necesidade de dar acollida e apoio a nenos e nenas con carencias educativas específicas e que pertencen ao noso contorno. É unha actividade que se realiza os martes e xoves, polas tardes, durante todo o curso escolar.
OBXECTIVOS:
- Darlle aos nenos e nenas unha alternativa nova ao estudio, facendo deste espazo un tempo de traballo e lecer.
- Potenciar a educación lúdico-educativa por medio do traballo persoal e constante.
- Potenciar as capacidades dos rapaces e rapazas.
- Favorecer o feito de que eles mesmos sexan protagonistas e responsables da súa educación, dándolles a oportunidade de participar na elaboración das actividades que eles mesmos realizarán.
- Tentar dar resposta ás necesidades educativas específicas de cada un dos nenos e nenas: Organización, orientación, comunicación…
- Acompañar e orientar ás familias no proceso educativo dos seus fillos e fillas.
- Desenvolver unha actuación coordinada e conxunta cos centros educativos, servicios de orientación, servizos sociais e entidades da cidade que interveñen no proceso educativo
O Campamento Urbano unha oferta gratuíta de lecer educativo, aberta a todos os nenos e nenas, que consiste na realización dun campamento na propia cidade.
O primeiro foi en agosto de 1985, co gallo do Ano Internacional da Mocidade, en La Línea de la Concepción (Cádiz). A Galicia chegou en 1987, organizado pola Asociación Xuvenil Don Bosco, en Santiago de Compostela, e dende aí foise espallando por toda a xeografía galega. En Vigo vénse realizando ininterrompidamente desde 1989, constatamos unha moi boa acollida por parte da cidade e unha ampla participación.
Para quen: Rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos da cidade de Vigo, facemos especial fincapé na participación de colectivos en situación desfavorecida. O número de prazas é ilimitado.
Cando: Na primeira quincena de agosto, en horario de mañá e de tarde, a excepción dos días de excursión que os rapaces/as traerán a comida ao campamento.
Onde: Nas instalacións do Pavillón das Travesas. Esta é a sede central aínda que nos moveremos pola cidade e mesmo sairemos dela.
Pretende: As actividades que faremos pretenden, entre outras cousas, responder aos seguintes criterios:
- Que os rapaces/as redescubran a cidade, as súas posibilidades e servizos sempre a través do xogo, e non a través de “visitas culturais”.
- Descubrir en nós os valores de convivencia, solidariedade, paz, amizade… e dalos a coñecer pola cidade.
- Coñecer alternativas de lecer que os rapaces/as poidan seguir realizando durante o ano.
- Que os nenos/as sexan protagonistas das actividades, non espectadores.
Actividades: Normalmente todas as actividades do campamento xiran en torno a un tema ou centro de interese. Na proposta de actividades diferenciamos:
- Mañás: as actividades desenvólvense fundamentalmente coa estrutura de grandes xogos de animación cunha temática común durante todo o campamento, faise especial fincapé en utilizar o maior número de espazos da cidade para a realización destas actividades: parques, prazas, instalacións públicas, etc.
- Tardes: realízase unha oferta libre de actividades, de xeito que sexan os rapaces/as os que escollan a que actividades queren ir. Inclúe teatro, deportes, saídas por Vigo, obradoiros, música, fotografía, cociña, zona de lectura e xogos de mesa… Hai que destacar que cada tarde un grupo de rapaces/as desprazarase para coñecer algún espazo da cidade para xogar alí: museos, parques, etc.
- Excursións: ao longo do campamento realízanse varias excursións: praia, un parque forestal, etc. e a Xuntanza de Campamentos Urbanos.
Actividades lúdico educativas para nenos e nenas de Infantil e Primaria coa finalidade de ofrecerlles un tempo libre organizado e educativo mentres so pais traballan, favorecendo así a conciliación da vida laboral e familiar
OBXECTIVOS:
- Propoñer unha oferta de tempo libre educativo para os rapaces e rapazas máis cativos.
- Propoñer o xogo como elemento educativo e lúdico.
- Divertirse aprendendo cousas novas.
- Promover actividades que animen á lectura, ao deporte, á expresión corporal…
CALENDARIO:
- Mañás de Nadal: vacacións escolares de Nadal sen festivos.
- Mañás de Entroido: vacacións escolares de Entroido sen festivos.
- Mañás de Semana Santa: vacacións escolares de Semana Santa sen festivos.
- Mañás de verán: a última semana de xuño e as catro primeiras semanas de xullo (pode variar segun o ano)