XIII Mañás de Verán

Xa na súa XIII edición, a Asociación Centro Xuvenil Abertal (Vigo, r/Venezuela, 3) abriu as súas portas no medio desta situación de dificultade para moitas familias ofertando as “XIII Mañás de Verán” como unha opción de conciliación moi valiosa nos tempos que corren. Está a ser un campamento adaptado ás idades, de entre 3 e 14 anos, aberto á cidade, tendo a opción de apuntarse ata 6 semanas, coincidindo coas vacacións estivais, ao longo dos meses de xuño e xullo 2020.

Este ano, contamos con preto de 200 nenos e nenas, ao longo dos 29 días que dura o campamento, gozando dun tempo de lecer de calidade acompañado por un equipo de profesionais formadas nos protocolos sanitarios recomendados polas administracións e preparadas para a desescalada/”nova normalidade”.

Algunhas das medidas tomadas ante esta situación foron a creación de unidades de convivencia garantindo a trazabilidade nun posible contaxio, números reducidos acompañados pola mesma persoa animadora, 3 entradas diferenciadas para evitar aglomeracións nas portas, desinfección de espazos antes-durante-despois da actividade, toma de temperatura á entrada e saída das instalacións, espazos diferenciados para cada grupo, xogo ao aire libre o máximo posible,  etc.

Nenos, nenas, animadoras e animadores xúntanse cada día, dende as 8,30 h. ata as 14,30 h. tempo no que retomar a socialización, poñer a funcionar a creatividade e volver a pasalo ben con amigos e amigas, aprendendo tamén ferramentas preventivas para o contaxio sen perder o dinamismo e alegría que caracteriza a este centro xuvenil salesiano; sumándonos á campaña #NesteVeránMáisCaNunca da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, da que somos membro fundadora.

Un exemplo do que fixemos foron os xogos cooperativos, actividades deportivas, obradoiros, saída á praia, rastrexos fotográficos pola cidade etc. e moitas cousas máis que faltan por chegar.

Queremos que Abertal sexa un lugar para imaxinar, rir, descubrir e crear, fomentar a creatividade, o compañeirismo e traballo en equipo, … de todo menos aburrirse. Aínda estades a tempo de apuntarvos ás vindeiras semanas a través do formulario online: https://abertal.org/mdveran20