Asemblea de Abertal en A Coruña

Do 15 ao 16 de xuño no Albergue Salesiano de A Coruña, desenvolveuse a asemblea de final de curso do Centro Xuvenil Abertal. Máis dunha vintena de animadores e animadoras xuntáronse para avaliar este curso que remata.

Xa ben cedo, o sábado 15 de xuño, collían o tren para achegarse á Coruña e logo de instalarse  dispuxéronse a avaliar o curso recalcando a importancia do coidado exquisito de cada unha das persoas que se achegan á nosa asociación.

Logo do xantar compartido, acompañados polo salesiano Mateo González, periodista, mestre e animador, dinamizou o tempo formativo sobre “a comunicación no tempo libre” nunha parte da tarde. Tomamos nota, mesmo puxemos en práctica algúns dos temas, como a importancia das redes sociais na comunicación coas familias e coas persoas destinatarias do noso centro xuvenil.

Para continuar co tempo de convivencia, achegáronse dando un paseo ao monte de San Pedro para xogar, gozar das vistas e compartir conversas cos seus compañeiros e compañeiras.

Facíase de noite pero aínda quedaban varios momentos especiais por vir. Unha cea compartida, cociñada e preparada por todas e todos anticipaba un tempo de reflexión e oración no que agradecer todo o vivido este curso e prepararse para todo o bo que chega co verán. Concluían a xornada cun paseo á luz da lúa ata a Torre de Hércules.

Na mañá seguinte, despois do almorzo, unha boa parte das persoas participantes continuou coa preparación dos campamentos nunha xornada compartida en Lugo co resto de centros xuvenís Don Bosco da zona noroeste de España cos que se van realizar as actividades.

Pincha aquí para ver as fotos