40 Aniversario de Abertal

Máis de medio milleiro de persoas na xornada conmemorativa do 40 aniversario de Abertal

O Centro Xuvenil Abertal ven de celebrar unha xornada conmemorativa do corenta aniversario da súa fundación arroupada por institucións, autoridades políticas e centos de persoas. Unha programación diversificada facilitou a participación de todas as idades e a conciliación familiar para testemuñar o valor social da entidade xuvenil salesiana.
O pasado sábado, 9 de febreiro, o Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, celebrou unha intensa xornada conmemorativa dos corenta anos da súa fundación, que abre un ano de actividades extraordinarias arredor desta efeméride.

Pasado, presente e futuro
As portas do patio de salesianos abríanse ao público a partires das 16,00hs para dar acollida a máis de dous centos de nenos, nenas, familias que participaron nos inchables, nos obradoiros, e no espectáculo de maxia que foron sucedéndose desde esa hora.
A partir das 17,30 na sede social (R/ Venezuela 3, baixo) tivo lugar a acollida de todas as persoas que a título persoal e institucional se achegaron aos actos institucionais. Pronto se xuntou máis dun cento de persoas para o primeiro acto formal: a “Mesa redonda: Ás raíces…” na que interviñeron algúns dos fundadores da entidade viguesa distinguida e na que se deu pe ao compartir de experiencias diversas e a contemplar moitos motivos históricos que poboaban a sala: cadros, libros, programacións, cartaces, premios, recoñecementos… cunha puntualidade exquisita o acto remataba ás 18,45hs. Un pequeno descanso que permitiu coller aire e acoller a todas as persoas que se achegaban para este momento e ás autoridades políticas que quixeron acompañarnos no acto institucional: a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Vigo, a diocese de Tui-Vigo, a inspectoría dos salesianos,… e algunhas outras sentadas entre o público. O Acto institucional, moderado por Isaac González e Antía Costoya desenvolveuse segundo o plan deseñado. Comezou coa presentación dunha ponencia sobre a ‘dimensión transformadora da mocidade no seu tempo de lecer’ e a proxección do vídeo promocional da entidade ao que sucederon as intervencións das autoridades presentes na mesa. “Cadaquén co seu estilo e cos seus suliñados –afirma Paula Martínez, coordinadora do Centro- viñeron recoñecer e poñer de manifesto as notas características do que é a nosa entidade: participación, protagonismo xuvenil, sentido da xustiza e do compromiso transformador, lecer educativo, valores cristiáns, estilo pedagóxico salesiano…”. O peche do acto supúxoo a prantación dunha castaña, a número corenta da tarde, que xunto con outros centros delas, serán prantadas polos nenos, nenas e mozos e mozas da entidade unha vez entrada a primavera e coa entrega dun agasallo ás autoridades e entidades participantes e unha foto lembranza da xornada.
Tanto os máis novos coma os máis veteranos xuntáronse no pincho que poñía fin a esta primeira parte da tarde. Os espazos asignadas ás distintas accións quedaron, felizmente, pequenos para acoller a tantas persoas participantes.
A continuación, nun templo de María Auxiliadora cheo até a bandeira, tivo lugar a celebración da eucaristía, presidida por José Rodríguez Pacheco, fundador da entidade, e concelebrada por máis dunha ducia de cregos salesianos que ao longo destes corenta anos estiveron vencellados a Abertal. Nenas e nenos, mozas e mozos, familias, persoas de mediana idade, a xeracións daqueles rapaces e rapazas que puxeron en marcha a institución e mesmo nais e pais daquela, que agora son avós… xuntáronse para esta celebración. Entre todas e todos prepararon e animaron a celebración: xestos, cantos, monicións, intervencións… ‘porque fai corenta anos o inexplicable era que abertal funcionaba así, e foi marabilloso volver sentir que esta é unha celebración especial. Mágoa que non todo o mundo poida vivir e sentir unha celebración así’ –aseguraba Alberto Mariño, tesoureiro da asociación e membro da Comisión extraordinaria dos 40 anos.
Despois da celebración tivo lugar a Cea conmemorativa do corenta aniversario que tamén se celebrou nas instalacións de Salesianos-María Auxiliadora de Vigo a partir das 22,00hs. Máis dun cento de persoas, novamente de todas as xeracións, tomaron parte na mesma e contra o seu remate repartíronse agasallos a todos os participantes, escoitáronse testemuños do que supuxo abertal na vida dalgunhas persoas.
Apertas emocionadas e bágoas agradecidas no momento da despedida.

Algo de historia
Con Don Bosco e cos tempos
Era o 31 de xaneiro de 1979 cando eran asinados os Estutos para a creación da Asociación Xuvenil Abertal, entre os fundadores un tal José Rodríguez Pacheco, máis coñecido por Pacheco, que rodeado daqueles mozos e mozas –e nunca sen eles- fixeron nacer este proxecto.
“As cousas podían ser ben distintas fai corenta anos, pero hai aspectos que son esenciais e non trocan: a importancia da participación e o protagonismo xuvenil -asegura novamente Rita Ferrer, que fia a primeira traballadora contratada da entidade-, e ese dinamismo básico tornouse no motor do cambio, da adaptación, da profesionalización, da dixitalización… e de tantas outras realidades presentes hoxe en Abertal. Con Don Bosco e cos tempos”.
O centro xuvenil Abertal nacido en plena época da movida viguesa e das problemáticas sociais da época sempre estivo marcado por esta alianza coa xente moza e coa creatividade para que fose a mesma mocidade a protagonista e transformadora da súa contorna, proba diso son todos os proxectos nacidos nel, e todos os que naceron de persoas que pasaron por el: a operación trigo para a recollida de alimentos para colaborar coas familias necesitadas da cidade (que logo viría ser popularizada polo banco de Alimentos), o Campamento Urbano pensado máis coma unha alternativa de lecer educativo ca como un negocio do terceiro sector, as primeiras semanas de animación á lectura, o cine,… e tantas outras iniciativas lideradas polos mozos e mozas que pasaron por Abertal.

A imprescindible presenza dos salesianos
Concordando todos os testemuños nesta manchea de iniciativas e proxectos movidos e liderados pola xente moza, todos salientan co mesmo vigor que foi un elemento importante de todo este tempo a presenza dos salesianos directores do centro xuvenil que souberon acompañar e facer que non se perderan os elementos fundacionais da asociación. “A xenialidade de Pacheco, a creatividade e a disciplina de Xulio, e o traballo calado de todos os que viñeron despois permitiron que Abertal fose e siga sendo un Centro Xuvenil Salesiano que fai honra ao seu nome: monte en man común, sen lindes nin cancelas, unha plataforma de ampla acollida no lecer onde medrar e ser protagonista” –sentencia sen fisuras Alejandra de la Iglesia, na actualidade unha das traballadoras do centro.

Transparencia e utilidade pública
Da man dos tempos e das esixencias administrativas desde fai moitos anos o Centro Xuvenil da contas aos socios e ás entidades que con el colaboran da súa realidade ano tras ano. Así nas asembleas de socios e socias preséntase polo miúdo a situación da Asociación tanto no económico coma no estatutario. “Queremos ser escrupulosos neste tema, precisamente porque aínda que o noso meirande capital son as persoas que formamos Abertal, todo o que facemos conta coa aportación económica de distintas administracións e entidades” –confesa Paula Martínez, coordinadora e responsable da contabilidade. “Neste momento estamos pechando o exercicio económico de 2018, e con ese peche queremos presentar a solicitude de ‘declaración de Utilidade Pública’ cuxa documentación está tamén preparada para a súa tramitación e que nos gustaría poder ver positivamente resolta no transcurso da celebración do corenta aniversario” –conclúe Martínez.
A disposición de quen a queira, a Asociación presenta anualmente a súa memoria de actividades.

Marca rexistrada: Solidariedade
De moitas maneiras e de moitos xeitos, pero probablemente un dos fíos que percorre toda a historia desta asociación é sen dúbida o fío da Solidariedade ben expresado nos proxectos antes enunciados, ben en tantos outros xeitos e maneiras de funcionar ordinariamente. Aínda que existen moitas comisións, e tantas outras que se transforman cada ano, a comisión por excelencia é a Comisión de Solidariedade que cada ano se renova para dar pulo e vida a propostas que sigan facendo da solidariedade a carta de presentación de Abertal.

Preme aquí para ver que ben o pasamos