Acampada Iniciación – ConstrúeT

No primeiro trimestre, os grupos de Iniciación ao Catecumenado xa compartiran unha acampada. E foron as ganas de volver a convivir e compartir algo máis que unha tarde, as que levaron ao redor de 40 rapaces e rapazas a xuntarse na tarde do venres 3 de marzo ata o final da mañá do sábado 4 marzo.

“ConstrúeT” foi o título do encontro e algo máis. Converteuse nun mantra que se repetiu unha e outra vez ao longo de cada unha das dinámicas, un fío condutor, unha escusa para seguir coñecéndonos e medrando.

Construímos entre todos e todas esta acampada xa que un grupo responsabilizouse de preparar un xogo de rol en vivo, e foi a noite o mellor escenario para xogar. Pequenos grupos preparaban a zona para cear, mentres outros tantos despexaban a sala na que iamos durmir.

A mañá comezou tranquila, cunha pregunta de fondo, sobre que materiais te constrúes? rocha firme ou area escorregadiza. Compartimos o almorzo que prepararamos xuntos, e logo de recoller, nos distribuímos en grupiños de traballo. Dous grandes bloques de reflexión, un sobre os materiais sobre os que se constrúe a mocidade en xeral e as debilidades persoais, e outro sobre as fortalezas que todas e todos levamos dentro, foron interrompidos por algo de xogo e movemento, que nolo pedía o corpo. A acampada non podía rematar doutro xeito con música e oración, tendo presente as propostas de mellora persoais, facendo ao grupo cómplice do compromiso.

Despedímonos pensando na vindeira acampada e coa idea de sacar as tendas de campaña cando chegue o bo tempo.

 

Pincha aquí para ver unha escolma de fotos