Alternativa Vaivén – Neve

Era 11 de xaneiro e Alternativa Vaivén encheu dous autobuses para ir a Cabeza de Manzaneda en busca da neve. As rapazas e rapaces de Saltimbanquis, Andaina e ADS xa estaban agardando o momento xa que é a saída estrela do segundo trimestre, unha das actividades máis numerosas.

Saímos de Vigo moi cedo, as 8,30 h. xa que a viaxe ía ser longa. Fixemos unha pequena parada en Castro Caldelas, para tomar un aperitivo a media mañá e poder estirar as pernas. Seguimos de camiño, as curvas e algún que outro mareo xa se converteran en tradición. A medida que nos achegabamos á zona habitual de xogo os nervios aumentaban xa que a paisaxe non era tan branca como noutras ocasións.
Cando nos fixemos co lugar adecuado para  situarnos e abrir a caixa de material, pouco tardamos en comezar a tirarnos cos trineos e os plásticos,  pasámolo en grande. Tirámonos pola ladeira xeada en grupos e en todas as posicións. Aínda que non era abundante, foi suficiente para facer algún boneco de neve e gozar da mañá xuntos.
Cando xa a fame se facía notar, sobre todo nos máis pequenos, a primeira quenda de persoas subiu a mudarse de roupa. Logo de asegurarnos que non había ninguén con roupa mollada, collemos camiño para Trives, onde a casa de turismo nos acolleu nos seus locais e puidemos gozar das zonas verdes. Nese momento de sobremesa ao aire libre rapaces e rapazas de Saltimbanqui, Andaina e ADS, compartiran xogos de mesa, escondite, rondo de fútbol, etc. Deixando todo recollido, subimos aos buses para volver a Vigo, non sen antes parar en Ourense a merendar e a estirar as pernas, acollidos pola Asociación Xuvenil Amencer.
Seguro que estas fotos transmiten algo do ben que o pasamos.
Vémonos a vindeira fin de semana.