Inicio de curso Alternativa Vaivén

Máis de cento cincuenta nenas e nenos desde os 5 aos 14 anos tiveron diversos momentos de xogo e convivencia animados por preto de vinte e cinco animadoras e animadores durante toda a mañá.

Os maiores que eran máis de noventa, chamados ADS, comezaron as actividades na tarde do venres: logo da cea compartida, un grande xogo permitiulles conseguir as fichas para poderen accede e xogar no Gran Casino ADS até ben entrada a noite. As ganas de convivencia eran tales, que aínda houbo tempo para un magno escondite ao revés.

Os máis pequenos incorporáronse na mañá do sábado, trintaecinco saltimbanquis e outros tantos andainas, que encheron dun rebumbio colorido o patio. Trala presentación de cada un dos movementos, tivo lugar un sinxelo e emotivo acto: a imposición dos panos.

 

Unha nutrida representación das familias

Á vez que os máis pequenos gozaban dos xogos polo patio do centro salesiano, os responsables do proxecto mantiveron un encontro coas familias que se ía desenvolver nos locais de abertal, mais que dada a grande afluencia das familias debeu de ser desenvolto na Aula Magna do Colexio. No transcurso do mesmo presentáronlles ás familias unha memoria fotográfica e as liñas mestras do desenvolvemento das actividades.

“A reunión desenvolveuse de xeito áxil, equilibrando a entrega de informacións e indicación de funcionamento con outros momentos de presentación gráfica e de palabra sobre a identidade destas actividades”, apuntou Paula Martínez ao rematar o encontro.

 

Un final emocionante

A diferenza doutros anos nos que eran as animadoras e animadores os que o facían, este ano, precisamente para resaltar a importancia das familias no proceso educativo dos seus pequenos, foron elas as que lles impuxeron a cada rapaz e rapaza cadanseu pano do movemento ao que pertencían. Así os saltimbanquis levan o pano laranxa, os andainas o pano amarelo e os ADS o pano verde. O que pretendía ser un pequeno xesto de compromiso veu ser un momento particularmente emocionante e emotivo, segundo as palabras de rapaces e familias no pincho que houbo para concluír os actos.