imprimir

Abertal ven de ofertar actividades formativas e de lecer a 893 persoas de entre 3 e 30 anos nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro en diversos formatos.

O Centro Xuvenil Abertal de Vigo, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, volveu a abrir as súas portas logo do confinamento coas enerxías renovadas e a mesma ilusión de sempre que tan ben caracteriza a esta asociación; grazas a un equipo de 21 traballadoras e 137 voluntarias.

Os proxectos, programas e actividades que desenvolvemos con éxito foron os seguintes:

XIII Mañás de Verán: Actividade de conciliación familiar na que un total de 198 nenos e nenas de entre 3 e 14 anos gozaron de actividades de tempo libre educativo (obradoiros, praia, museos, coñecer a cidade, deportes, etc.) ao longo de 6 semanas entre xuño e xullo. Sempre cumprindo as medidas sanitarias, grupos reducidos, acompañados polo mesmo animador ou animadora, o que facilitou que se crease un fermoso ambiente familiar

Curso de Monitor de Tempo Libre: Como sede en Vigo da Escola de Tempo Libre Don Bosco, Abertal levou a cabo esta actividade formativa cun título oficial da Xunta de Galicia, con 20 alumnos e alumnas. Cada materia foi impartida por un mestre especialista nela, cun total de 19 docentes.

Lecer no Verán – Servizo para o Concello de Vigo: O Concello de Vigo volveu a confiar una ano máis en Abertal para coordinar as actividades de tempo libre para mozos e mozas con diversidade funcional. Con 6 semanas de duración repartidas nos meses de xullo e agosto atendéronse a un total de 59 usuarios/as.

Colonias Urbanas de Adolescentes - Caixaproinfancia da Obra Social La Caixa: No mes de xullo tiveron lugar os encontros xuvenís para mozos e mozas acompañados por animadores e animadoras de Abertal; unha morea de actividades nas que compartiron o tempo libre con amigos e amigas con actividades variadas como: slakcline, paintball, adestramento de fútbol, tiedye, obradoiros e dinámicas de grupos, cineforum, etc. tamén aproveitando tempos de praia en Patos, A Lanzada ou Samil.

Os outros grupos infantís están inmersos nos campamentos e actividades que propuxemos abertos á cidade (como por exemplo: Mañás de Verán).

 Vaivén no Verán: Os grupos de Alternativa Vaivén que se reúnen durante o ano viron cancelados os seus campamentos con pernocta polo que os animadores e animadoras voluntarias optaron por continuar a facer actividades nas instalacións salesianas ás que asistiron 31 nenos e nenas. Actividades de cociña, xogos de auga, baile, serigrafía ou deportes, foron algunhas das actividades realizadas as tardes do mes de xullo.

 CateVerán: 15 mozos e mozas dos grupos de Catecumenado que adoitan reunirse os venres durante o ano apostaron por encontrarse no verán, xa que non poderían celebrar os seus respectivos campamentos) para gozar de actividades na natureza, xogos de auga, momentos de reflexión e coloquio, coa intención de non perder o ritmo e pensar alternativas para o vindeiro curso.

 XXXII Campamento Urbano: Prestando un servizo á Concellería de Xuventude do Concello de Vigo, Abertal coordinou as actividades na que a Capitana Planeta foi a personaxe principal que dinamizou esta aventura relacionada cos hábitos saudables, a través do xogo, recuperando moitas das rutinas que se perderan na corentena. 104 voluntarios e voluntarias puxeron o seu tempo libre a disposición dos 340 mociños e mociñas (de 8 a 14 anos), facendo unha vez máis o Campamento Urbano (3 campamentos: pequenos, medianos, maiores) libre, aberto e gratuíto.

 V Urbano Xuvenil: Esta edición viuse minimizada para garantir a trazabilidade xa que moitas das participantes eran persoas voluntarias noutras actividades, por iso optouse por facer varias quendas na que o baile, karaoke e xogos musicais predominaron por petición popular (todo isto sen contacto, sumándose ás outras medidas preventivas). Esta é unha aposta que chega á súa 5ª edición na que os protagonistas son mozos e mozas de entre 15 e 30 anos, cunha asistencia media de 20 participantes en cada unha das tres quendas.

VII Mañás de Setembro: Esta actividade de conciliación ten un formato semellante a outras “Mañás de...” pero coa particularidade de que na inscrición cada un dos 73 participantes puideron elixir a actividade que facían na primeira parte da mañá (en colaboración co Clube Salesianos de Baloncesto, e a sección de fútbol sala), e logo de merendar, continuar cunha proposta común como obradoiros, actividades na natureza, rastrexos pola cidade, xogos adaptados, etc.

 

Queremos agradecer a confianza de todas as familias que apostaron por Abertal e o seguen a facer nestes momentos de “nova normalidade” tan complexos. Continuaremos traballando polos nenos, nenas, mozos e mozas, no formato que poidamos, adaptándonos ás circunstancias como en anteriores ocasións.