"ALGO NOVO ESTÁ A AGROMAR" (Lema para o curso 2020-2021)

"A situación actual servirá para lembrar que a humanidade é unha soa comunidade... Xa non existirá 'o outro' senón que falaremos do 'nós'. Porque só podemos saír desta situación todos xuntos... Estas serán as palabras crave para comezar de novo: raíces, memoria, fraternidade e esperanza". (Papa Francisco). E ningún sitio "coma na casa", para intuír novos camiños. Alí, en familia, á luz e á calor do fogar, rotos os nosos hábitos, confinados, aprendemos que "algo novo está a agromar" (Is 43,19).

A novidade do que agora vivimos e o xeito de situalo na nosa vida ven esixirnos un replantexamento persoal e social. Non é tempo de evasión ou de mirar cara outra parte, ignorando o que sucedeu. Se as mascarillas ocultan o noso sorriso, chegou hora de "aprender a sorrir cos ollos". Unha mirada atenta ensinaranos a pasar a vida polo corazón, de modo que o percibido vaia transformando o noso interior e a nosa contorna. Esta encrucillada da vida sinala diversas direccións de obrigado percorrido.
En primeiro lugar, "as persoas". Vimos ringleiras de persoas 'impensables' ás portas de Cáritas buscando comida de subsistencia. Intuímos que a vulnerabilidade, unha vez máis, fíxose sentir especialmente entre os máis vulnerables. E, de súpeto, acordámonos dos "avós", aparcados en residencias e sen sitio nin espazo para eles nas nosas vidas. Estas persoas son testemuña de que "algo novo está a agromar".
A amoestación para "vivir en actitude de saída" chamou ás nosas portas. E descubrimos a solidariedade que aplaude desde os balcóns, constatamos o pouco que valemos sen os outros, que é unha obrigación "pasar do eu ao nós"... Toda crise aumenta o risco de exclusión social e pobreza, especialmente, deses que chamamos a sociedade do descarte: a infancia, os anciáns, os migrantes... A solidariedade grita con voz forte e fonda que "algo novo está a agromar".
Non se poderá ir adiante sen "educar a mirada e o corazón". Este cambio estase xa dando na convivencia, no traballo virtual e telemático con resultados non desprezables, nas relacións... Investir en talento será a grande disciplina deste curso. Da miseria de cada circunstancia sáese só a través da cultura, do esforzo e dunha man tendida. Os ollos e o corazón fixéronnos ver e sentir que "algo novo está a agromar".
Finalmente, afírmase "a experiencia diaria da fe". Seguimos preguntándonos todos os días 'onde está Deus' e descubríndoo nas vítimas, nos que procuran solucións, nos que contaxian gañas de vivir, nos que rezan porque saben esperar... Xesús non resolve teoricamente o problema do sufrimento senón que, coa entrega da súa vida, ábrenos un horizonte novo. Tamén desde a nosa fe descubrimos que "algo novo está a agromar".
Un curso, 2020-2021, cheo de incertezas, pero capaz de alimentar a esperanza, feita realidade cada día. A sorpresa e o encanto do xermolo que medra onde ninguén o maxina. Só uns ollos novos serán capaces de apreciar esta novidade que dá esperanza ao mundo e convídanos a seguir soñando. Non desaproveitaremos a oportunidade!
Isidro Lozano, SDB