Vigo Inclusivo: Campamento Semana Santa

A Asociación Centro Xuvenil Abertal vén de asinar un convenio coa Concellería de Política de Benestar Social do Concello de Vigo, no marco do programa municipal Vigo Inclusivo, dirixido a persoas con discapacidade do Concello de Vigo.

Este ano, por vez primeira, levouse a cabo un campamento en período non lectivo de Semana Santa, no que un bo grupo de persoas puido gozar dunha diversidade de actividades lúdicas e de lecer.

As actividades desenvolvéronse no entorno da praia de Samil, aproveitando as instalacións municipais do Museo Verbum, e gozando do bo tempo que acompañou esta Semana Santa.

Dentro do programa municipal de actividades propostas para estes días, unha das máis significativas foi a participación nos obradoiros de Inmersia, un centro de ocio e realidade virtual, onde os nosos mozos e mozas accederon a simuladores de xogos variados, de condución de coches de carreiras ou mesmo dunha montaña rusa!

Este programa municipal Vigo Inclusivo ten previsto ofrecer novas actividades de tempo libre nos meses de verán e na época de Nadal, proporcionando tamén un merecido descanso ás familias e coidadores/as das persoas participantes.