Curso de Maquillaxe da Federación

O pasado venres 10 de febreiro de 2017, Abertal acolleu o Curso de Maquillaxe de Fantasía organizado pola Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Pablo Álvarez foi o profesional que nos introduciu nesta arte tan chamativa; comezando por unha formación teórica moi útil para as persoas que estaban menos familiarizadas coa maquillaxe de cara. Comezamos na aula magna do colexio salesiano Mª Auxiliadora. Coñecer os caracteres anatómicos do rostro, as expresións faciais, a diversidade de estilos de maquillaxe aplicables á animación do tempo libre, son algúns dos obxectivos do curso xunto coa aprendizaxe de diferentes técnicas e emprego do material.

A atención personalizada durante toda a tarde facilitou que todas as dúbidas se foran resolvendo e que as compañeiras aprenderan unhas doutras, xa que os niveis e as destrezas co pincel eran diversas. Sumando ás múltiples cores e tipos de pinturas, coa morea de accesorios (perrucas, pestanas postizas, purpurina, abelorios adhesivos, etc.) que había para completar, fixo que todos os rostros maquillados se tornaran en descoñecidos.

Sen vergoña e con pintura ata detrás das orellas, despedímonos con ganas dunha seguinte edición.

Pincha aquí para ver as fotos.