O concerto benéfico Única Función Vintage, organizado por Abertal recadou en Vigo fondos para infancia e mocidade afectadas pola guerra en Siria

Única Función celebrou este ano unha edición “vintage” na que participaron máis de vinte músicos da cidade que comezaran con este proxecto a finais dos anos oitenta.

 O festival benéfico Única Función celebrou unha edición especial “vintage” no seus 30 anos de recorrido, o sábado 19 de outubro. Este ano estivo centrado en recadar fondos para os centros xuvenís damnificados pola guerra en Siria e para o proxecto solidario da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia “ningún neno e nena sen campamento”. Este concerto, no que se versionaron cancións coñecidas por todas, quere poñer en valor a música en directo realizando un espectáculo que só se poderá ver unha vez en directo. O liderado do proxecto pono a experiencia de Abertal. Sendo o prezo da entrada de tres euros  conseguiuse recadar un total de 906 €.

Nel participaron máis de 20 veteranos e veteranas da música que comezaron este proxecto  vai 30 anos, antigas alumnas salesianas, actuais mestras, animadoras, profesionais da música, dedicaron nove meses a preparar os temas, que foron versións de grupos famosos de diferentes estilos musicais. O obxectivo foi celebrar os corenta anos de Abertal, reunir a antigos membros do centro xuvenil e celebrar un evento solidario no Cine-Teatro Salesianos ante un público de máis de 300 persoas. Tras ensaiar durante nove meses, as últimas semanas abriron os ensaios ao público máis mozo para que en vindeiras edicións se animen. Entre o equipo profesionais e afeccionados da música contamos cun equipo técnico encargado da evocadora escenografía, xogos de luces e traballo de son, previo e durante o evento.

As cancións que sonaron na noite do sábado foron para todos os gustos, desde temas clásicos para os máis maiores e música coñecida pola numerosa mocidade que asistiu, sempre apostando desde a organización por un repertorio coñecido e entretido para toda a familia, que o público poida gozar desde a súa butaca ou bailando nas primeiras filas.

Única Función comezou vai tres décadas, cando participaron os integrantes de Golpes Bajos. Tras un parón de varios anos, decidiuse retomar este proxecto benéfico para darlle a oportunidade a músicos afeccionados de tocar coma se fosen profesionais nun gran escenario.

O proxecto benéfico Suriya consiste na recollida de fondos para a adquisición e envío de material para os centros xuvenís damnificados pola guerra de Siria, en concreto para as casas salesianas de Aleppo, Kafroun e Damasco.

A presidenta, Ángela Landín, afirmaba con ledicia “que fermoso é que xeracións anteriores manteñan o contacto e ilusión polo Centro Xuvenil Abertal” e Andrés Saavedra, uns dos músicos, amosábanos a súa emoción e agradecemento: “logo de 30 anos, os valores da amizade e o que iso implica, siguen nas nosas vidas”. Algúns dos asistentes como David Álvarez afirmaban que “a solidariedade e a música de calidade son unha combinación perfecta para o tempo de lecer”.

Aquí podes ver algunhas das fermosas imaxes do noso fotógrafo Guillermo Varela @guilliito