O pasado martes 4 xuño tiña lugar na Franqueira o encontro de grupos de Referencia da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia.

Desta vez, achegáronse a este fermoso enclave 4 grupos, 2 de Vigo (do Centro Xuvenil Abertal) e 2 de Ourense (da Asociación xuvenil Amencer). Cunha representación de 22 participantes, comezamos presentándonos e presentando as 4 dinámicas de encontro diferentes pero no mesmo camiño, ao estilo de Xesús. En todas elas se compartía vida, oración, reflexións, soños, alegrías e tristuras; con reunións, encontros, ceas ou incluso participación doutras actividades fóra do grupo.

Compartimos unha sinxela e fermosa celebración, na que houbo agasallos para todos os grupos. Xa co corazón enchido de enerxía quixemos rematar a xornada sentadas á mesa, compartindo mesa e cea!

Agradecidas pola acollida de Javier, párroco da Franqueira, xa que nos abriu as portas da súa casa e nos ensinou os recunchiños e detalles da fermosa e histórica igrexa, quedamos en celebrar un novo encontro no vindeiro curso.

Para nós esto non remata neste encontro de final de curso, se non que collemos folgos para comezar o #veranosalesiano, epoca de máis traballo e festa para a familia salesiana.

Pincha aquí para ver algunhas das fotos.