imprimir

A piques de rematar o segundo trimestre do curso, Alternativa Vaivén adiantaba a Acampada e Festa dos Símbolos; así que o sábado 23 de marzo, erguémonos cedo para gozar dunha fin de semana de acampada en Vilán (Fornelos de Montes).

Saímos de Vigo ás 9,30 h. enchidos de bártulos e ledicia para parar un tren. Chegamos á parroquia de Vilán cara a media mañá, deixamos as cousas nas habitacións e coñecimos a contorna, comezamos a nosa aventura, non sen antes coller enerxías. Rapaces e rapazas Saltimbanquis e Andaina puderon moverse libremente por diferentes xogos, como os relevos, o fútbol chino, aros e tamén varios xogos de paracaídas, mentres que ADS comezou co montado das tendas de campaña. 
Despois de comer todas xuntas tivemos un anaco de sobremesa con música e bailes, e bo tempo. 

Xa entrada a tarde, Andaina aproveitou os coñecementos da xente da zona para facer un roteiro, achegarse ao río e incluso coñecer a lenda que había daquel encoro. Saltimbanquis rapidamente mergullou na busca do tesouro de Vilán que lles levaría a atopar un cofre e pasalo ben toda a tarde. ADS por outra banda, soñando coa súa excursión de fin de curso, fixo que todos os rapaces e rapazas puxeran a funcionar a súa creatividade, que deu lugar a uns perfumados xabóns, chapas, chaveiros e pulseiras para vender ao día seguinte e no que resta de curso.

Xa na tardiña separámonos por movementos para caer na conta dos nosos símbolos, do importantes que son no día a día e o valiosos que son dentro de Alternativa Vaivén.
Ás 21,00 h. xa notabamos a fame así que comezamos a preparar unha cea compartida. Saltimbanquis colocaba as mesas mentres Andaina organizaba o reparto da cea. Aínda que foi un día de moito xogo o cansazo non aparecía por ningures. Xa pechando o día argallamos xogos nocturnos pola cosa e pola contorna.

O domingo espertamos cedo e con enerxía xa que esperábanos unha visita moi especial, as familias. Logo do almorzo ordenamos e preparamos a casa para acoller a pais e nais. Ás 12,00 h. xuntámonos na capela de Vilán para ter a celebración na que se lle impuxeron os símbolos Saltimbanquis, Andaina e ADS.

Unha vez rematada a celebración nos xuntamos para o aperitivo antes de compartir unha riquísima fideua que un grupiño de pais prepararon para todos e todas, co que se gañaron ao público. Antes de marchar para a casa non podía faltar un brilé entre nenos e familias. Neste caso a experiencia é un grado moi valioso e non puideron derrotar ás nais e ós pais. Logo de recoller entre todos, collemos o bus e de volta e nos despedimos ata o vindeiro sábado.
Preme aquí para ver as fotos que amosan o ben que o pasamos.