imprimir

Deporte, noite e solidariedade na segunda edición do Torneo de baloncesto 3x3 de salesianos. Máis de cento sesenta persoas inscritas neste torneo, dentro das actividades da Campaña do Nadal Solidario coordinada desde o Centro Xuvenil Abertal dos salesianos.

O Centro Xuvenil Abertal, asociación socia fundadora da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, en colaboración co Club Baloncesto Salesianos organizou dentro das actividades da Campaña Solidaria de Nadal este evento interxeracional. Este ano contando como novidade a ampliación do torneo cunha quenda de tarde para os rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos.

Tentando aglutinar elementos de acollida entre os máis mozos ofreceuse de xeito coordinado deporte, noite e solidariedade neste comezo da campaña de recollida de alimentos para as familias que atende Cáritas Parroquial de María Auxiliadora durante todo o ano.

Cada participante, dous quilos!
Máis de vintecinco equipos foron inscribíndose de xeito dixital na plataforma habilitada ao efecto dentro da páxina web do Centro Xuvenil. A cota de inscrición foi de dous quilo de alimentos por participante, convidando tamén a que se sumen á tal contribución solidaria ao público que viu animalos e acompañalos ao longo da noite.
A convocatoria e sorteo desenvolvéronse de xeito áxil, xa que menos dunha semana foi tempo máis que suficiente para podermos ver un seguimento máis que significativo da oferta presentada polas dúas entidades.
“Non sabíamos se ía ter acollida a oferta en concreto, por mor das datas e das pontes”, así se expresa o coordinador de baloncesto, Óscar Carbajo, na presentación da actividade. O mesmo responsable continuaba dicindo: “Logo de diversas tentativas conseguimos darlle forma a este evento, encadrándoo no conxunto das demais actividades dos distintos equipos do clube e amplialo ao público infantil”.

Un triple polo voluntariado
Foi nesta mesma xornada, Día Internacional do Voluntariado, entre as dúas quendas de torneo (infantil e xuvenil), cando se xuntou a Comisión de Solidariedade e un grupo de voluntarios e voluntarias para conmemorar e agradecer o traballo das persoas voluntarias da nosa entidade e doutras tantas que invirten gratuitamente o seu tempo nos demais, marcando un triple (como a ocasión o requería).

O centro xuvenil Abertal pretende, de novo, ofrecer espazos de lecer educativo, alternativo e transformador tamén para a contorna máis próxima, neste caso colaborando con Cáritas.

Aquí podes ver as fotos da quenda infantil.

Aquí podes ver as fotos da quenda xuvenil