Alternativa Vaivén  celebrou a Acampada de Inicio de Curso. Preto de trescentas nenas e nenos desde os 5 aos 14 anos tiveron diversos momentos de xogo e convivencia animados por máis de 30 animadoras e animadores durante a noite do venres e a mañá do sábado.

Os maiores que eran ao redor de oitenta, chamados ADS, os cincuenta e dous Saltimbanquis e noventa Andainas, encheron dun especial rebumbio colorido o patio. Trala acollida, tiveron lugar tres grandes xogos, nos que por idades foron coñecendo e mergullándose na aventura de cada un dos movementos.

Na longa noite á vez que os máis pequenos, Saltimbanquis, gozaban dos xogos polo patio do centro salesiano, os medianos bulían cara unha zona do edificio do colexio salesiano no que terían a súa especial busca dos tesouros no “bosque Andaina” entre gnomos, rematando cun concurso musical antes de durmir. Pola contra, os maiores alongaron a noite cunha misión imposible na que se conseguían fichas para intercambiar no casino que dinamizarían os animadores e animadoras do centro xuvenil. Unha vez dadas as boas noites, cada quen meteuse no seu saco e tentou durmir para gozar da mañá seguinte.

Logo do almorzo, dos grandes xogos, dos obradoiros con lembranzas e das probas por equipos, xa rematando a mañá tivo lugar o “xesto de paso”. O que pretendía ser un pequeno xesto de compromiso veu ser un momento particularmente emocionante e emotivo, xa que os que pasaban de curso e lles tocaba cambiar de grupo despedíronse dos seus amigos e amigas e foron acollidos polos novos compañeiros e compañeiras de aventura, ao igual que as novas incorporacións que se achegaron ao centro xuvenil chamados polo boca orella.

Agardamos máis incorporacións o vindeiro sábado 13 de outubro de 2018.