“Mira que hai tempo que estou a te chamar” foi a frase escollida por Pep Alamán, o salesiano afincado en Barcelona que atravesou a península para acompañar a un xeitoso número de animadoras e animadores de todos os centros xuvenís de Galicia no noso proceso de crecemento cristiá.

O sábado, de mañanciña, despois de repartirnos polos coches, saímos dende Vigo cara a Allariz. Logo dunha amena travesía chegamos ó noso destino antes do previsto, e puidemos, xa con outras animadoras e animadores dos outros centros xuvenís, tomar un café que nos dera forzas para empezar ben espertos o día.

Unha vez xa todos sentados no gran grupo, Xulio, o director do centro xuvenil Amencer, presentounos a motivación de estaren todos alí reunidos e a Pep Alamán SDB, quen rápido tomou a palabra e púxonos mans á obra.

O sábado dedicámolo a votar a mirada atrás e marcar cuns nós nun anaco de corda que situacións e a través de que persoas Deus está a chamar á nosa porta, unha porta, que só se pode abrir dende dentro; facer silencio interior e pararnos, xa que cas presas da vida, vivimos sen gozar daquilo que facemos; e de abrir o corazón ós demais, xa que se non nos coñecemos, dificilmente poderemos camiñar xuntos.

O domingo pola mañá o dedicamos á Eucaristía, momento central na vida dun seguidor de Xesús. Tras ler a Palabra de Deus e meditala persoalmente, xuntámonos a compartir o que xurdiu en cada un de nos a Palabra.

Unha vez rematada a celebración, e antes do canto final a don bosco, Pep animounos a retomar, empezar ou modificar o noso proxecto de vida persoal  alentados por un fin de semana no que, en comunidade, sentimos  o amor do Fillo, a forza do Espírito que nos fai chamar a Deus, Pai.