Nesta xornada os ADS comezamos a gozar da aventura que saíu gañadora na votación da semana pasada: Viaxando polo mundo! Ao ser o primeiro día da aventura decidimos encargarnos do máis elemental á hora de realizar unha viaxe, a mochila.

Para elo, cinco viaxeiros experimentados de distintas zonas do globo estiveron desperdigados polo colexio, ben dispostos a entregarnos partes do seu diccionario, sen a cales non poderiamos descifrar a mensaxe inicial que nos entregaron os animadores. Desde preguntas relacionadas con Galicia ata procuras de brúxulas pasando por arduos intentos de comunicación cunha viaxeira indonesia, todos e todas puidemos coñecer novas verbas e divertirnos descubrindo a mensaxe que nos permitiu conseguir a ansiada mochila. Con todo, marchamos para casa cun tríptico explicando o campamento de verán e conseguinte folla de inscripción. Sen dúbida, ningún de nós temos pensado perdérno-lo!

Os e as Andainas continuaron coa súa especial viaxe polo mundo do circo, adentrándose no mundo dos domadores, pero... un domador dun circo tiña que gravar unha actuación sobre coidar ao noso planeta, e xusto en Andaina temos unha regra de ouro que é precisamente iso: respectamos, protexemos e amamos a natureza. Necesitou axuda dos mociños e mociñas para facer o espectáculo pero decidiron cambiar as tornas (os animais domaban ás persoas) cunha revolución animal para facernos conscientes de que os humanos estamos a estragar o planeta).

Saltimbanquis continuou coa dinámica da semana realcionada coa solidariedade (bocata solidario), tolerancia, diversidade cultural, etc. Mergullámonos da man de Teranga (unha rapaza da pandilla dos amigos de Juanito) nalgúns contos como o da historia dunha familia de refuxiados que nos facía caer na conta de que nenos e nenas coma nós, noutras partes do mundo, o estaban a pasar moi mal por culpa das guerras; por outra banda Orellas de Bolboreta achegounos a realidade da tolerancia e a beleza da diferencia.

Aquí atoparedes unha escolma de fotos.