I Congreso ‘Es o que comes’ – Xuntanza Autonómica de grupos de Catecumenado.


O sábado 20 de Xaneiro o Centro Xuvenil Abertal converteuse no anfitrión do I Congreso ‘Es o que comes’, que así se chamou ao xa tradicional encontro autonómico dos grupos de catecumenado.

A nota característica da xornada foi o alto nivel de participación dos membros dos grupos. Un encontro cociñado a lume lento desde o pasado mes de novembro permitiu que cada un dos grupos puidese desenvolver ao longo de toda a xornada as tarefas repartidas dando vida dun modo sinxelo ao soño de Don Bosco: mozos protagonistas, evanxelizadores dos mozos.
Máis de 170 persoas (de todas as casas nas que hai grupos de catecumenado), segundo contan as acreditacións entregadas mentres se degustaba unha marabillosa acollida: fotos, chocolate quente, froita, roupeiro... nun marco de cinema. Responsabilizáronse deste momento os grupos de Iniciación II.
O grupo de II Catecumenado fixo de guionista e presentador de toda a xornada, dándolle a palabra nun primeiro momento ao director da Obra e ao Delegado Diocesano de Pastoral Xuvenil que deron a benvida ao evento subliñando a importancia e o valor do mesmo para a casa, para a diocese e sobre todo para a vida de quen participaban nel, convidando a aproveitar ao máximo todas as propostas.
A médica de familia Ana Prejigueiro tivo o relatorio inaugural do Congreso que, acompañada do ilustrador Juan Iglesias, visibilizaron a importancia do coidado e equilibrio da saúde física, psicolóxica, social e espiritual. Os seminarios de traballo que seguiron á charla permitiron distintos niveis de concreción en cada unha delas. Os grupos de Catecumenado I facilitaron a presentación e desenvolvemento dos devanditos seminarios empregando dinámicas e recursos variados.
Unha gran presenza de TIC facilitou que se vira o progreso do congreso e as conclusións e valoracións persoais e de grupo nos distintos seminarios. Un flashmob de todos os presentes sobre o esceneraio clausurou o traballo da mañá.
A comida e posterior sobremesa nas instalacións de Salesianos-Vigo María Auxiliadora favoreceron a interacción entre todos os participantes e a creación de espazos espontáneos de festa, animación e vitalidade xuvenil.
A tarde estivo dedicada a unha mesa redonda moi especial, unha celebración da eucaristía -moderada por Xabier Branco, coordinador de Catecumenado- en varios tempos para facilitar a degustación de cada unha das partes da mesma, cambiando de espazos: os ritos iniciais e o acto penitencial no pavillón, a liturxia da Palabra en grupos pequenos nunha parte da igrexa e a liturxia da Eucaristía arredor do altar.
O brinde final, serviu de agradecemento aos anfitrións porque era compromiso de vivir con saúde ao estilo de Xesús. Es o que comes!

Para mirar as fotos pincha aquí